Pasar al contenido principal
STG

O Akademia Project pechará o próximo día 9 o prazo de inscrición

Haberá unha xornada de presentación este martes 4 na Facultade de Farmacia
Haberá unha xornada de presentación este martes 4 na Facultade de Farmacia
Este martes 4 está prevista unha presentación do programa en Santiago, unha iniciativa que busca estudantado interesado no emprendemento e a innovación

O 94% do alumnado que participou en Akademia Project en anteriores edicións recomendan a realización deste curso que busca estimular a actitude innovadora e espertar o espírito emprendedor entre estudantes das principais universidades españolas. Impulsado pola USC e a Fundación Bankinter, as persoas que o cursen terán a oportunidade de vivir o proceso completo de innovación, desenvolvendo un proxecto emprendedor coa axuda de emprendedores e business angels.

O prazo de inscrición rematará o próximo domingo, 9 de outubro, e para formalizar este trámite será necesario enviar un currículo a youakademiausc [at] gmail.com (youakademiausc[at]gmail[dot]com). Ademais, este martes 4, ás 12.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Farmacia, está prevista unha sesión de presentación para todo o alumnado interesado. O curso desenvólvese en diversas universidades de toda España, e no caso da institución compostelá conta co apoio de Uninova.

Formación diferente
Akademia You Project é unha aposta por unha formación diferente enfocada a desenvolver o pensamento creativo e a resolución de problemas con respostas innovadoras que acheguen valor. Este programa naceu hai xa oito anos e os máis de mil estudantes que o teñen cursado en distintas universidades españolas o avalan, cunha taxa de recomendación do 94%.

A partir dun material único xerado no mellor Think Tank de Ciencia e Tecnoloxía de España, analizaranse as tendencias clave de innovación. A aprendizaxe levarase a cabo dun xeito colaborativo da man de profesionais expertos, emprendedores e business angels e, ao finalizar, os alumnos poderán ter acceso a prácticas nacionais e internacionais.

Akademia Project diríxese a estudantes de grao e posgrao de calquera titulación universitaria que participarán en doce sesións ao longo de todo o ano e que rematarán coa presentación do proxecto emprendedor ante un xurado formado por especialistas, emprendedores e potenciais inversores.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.10.2016.