Pasar al contenido principal
STG

O programa Estalmat, coordinado en Galicia pola USC, captou o interese de máis de 2.000 escolares galegos nos últimos oito anos

Viaño, Outeiro e Bueno, na sinatura do acordo do programa Estalmat
Viaño, Outeiro e Bueno, na sinatura do acordo do programa Estalmat
O reitor Juan Viaño e o deputado provincial de Lugo Mario Outeiro asinan un acordo en virtude do que a Deputación Provincial de Lugo achega 3.000 euros para este programa

O reitor da USC, Juan Manuel Viaño Rey, e o deputado delegado das áreas de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro, asinaron este luns un acordo para o financiamento do proxecto Estalmat en Galicia, en virtude do que a Deputación de Lugo achegará este ano 3.000 euros para o desenvolvemento dun programa de estímulo do talento matemático entre o estudantado de ensino medio que espertou o interese de máis de 2.000 escolares galegos, dos que 160 proceden de centros educativos da provincia de Lugo, nas súas oito edicións. Asemade, dos 200 estudantes seleccionados nalgunha das edicións do, 21 son da provincia de Lugo.

Viaño remarcou no acto de sinatura do acordo a colaboración que vén mantendo a Deputación de Lugo co programa Estalmat desde hai xa varios anos, ao tempo que fixo fincapé na especial implicación que ten a provincia de Lugo neste programa de estímulo de talento matemático, tanto no que atinxe á implicación do profesorado de ensino medio como á tasa de éxito dos escolares lugueses que superan as probas de acceso a un programa que ofrece 25 prazas cada ano. O reitor Juan Viaño, que tamén é o presidente do programa Estalmat en Galicia, explicou que neste proxecto de estímulo de talento matemático, coordinado en Galicia pola USC, participan arredor de 40 docentes, a metade profesores universitarios na USC e na UDC e o resto docentes de ensinanzas medias. Respecto aos obxectivos e ao desenvolvemento do programa, que naceu en España en 1998 baixo o impulso de Miguel de Guzmán e coa premisa de favorecer e potenciar o talento daqueles escolares con capacidades especiais para as Matemáticas, Viaño sinalou que o programa Estalmat busca potenciar habilidades e talentos para as matemáticas alén das actividades curriculares. As persoas que superan as probas de acceso, que se celebran en toda España o primeiro sábado do mes de xuño, comprométense a participar durante dous anos nas sesións programadas durante 40 sábados, 20 por ano. No caso de Galicia, as accións desenvolvidas no marco do Estalmat teñen lugar na Facultade de Matemáticas da USC. Ademais, as persoas interesadas en continuar un terceiro ano nesta dinámica de traballo poden facelo a través do programa Estalmat Pi, no que o número de sesións se reduce de 20 a 12 no terceiro ano. O estímulo de capacidades e talento entre os escolares é tamén un dos obxectivos nos que está a traballar a USC, sinalou Viaño, quen precisou que, do mesmo xeito que o programa Estalmat, coa organización de olimpíadas, campamentos científico-técnicos, certames de redacción ou calquera outra actividade semellante, a USC pretende captar novos talentos cara a súa oferta de titulacións. O reitor da USC, quen antes da sinatura deste acordo participou nunha xuntanza co deputado Mario Outeiro e á que tamén asistiu o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, salientou a estreita colaboración entre as dúas institucións.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.02.2015.