A arqueóloga Almudena García Rubio abordará o 23 no XI Curso de Primavera da USC a investigación sobre os restos de Cervantes

A arqueóloga forense e investigadora do grupo Aranzadi Almudena García Rubio ofrecerá o vindeiro 23 de abril na Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC, no marco do XI Curso de Primavera da USC, un relatorio sobre as escavacións desenvolvidas no convento das Trinitarias de Madrid, onde, á espera da confirmación das análises de ADN, se atoparon restos de Miguel de Cervantes Saavedra.
Baixo o título ‘Cervantes, á luz da Arqueoloxía’, García Rubio aportará ao público presente cuantiosa información sobre a investigación desenvolvida no devandito convento das Trinitarias, así como outros datos relativos á importancia e posibles repercusións dun descubrimento que se está a coñecer xusto cando se cumpren 399 anos do pasamento do Manco de Lepanto e tamén cando se está a conmemorar o cuarto centenario da publicación da segunda parte de Quixote, así como da obra teatral cervantina ‘Ocho comedias y ocho entremeses nuevos, nunca representados’, publicada tamén en 1615. A confirmación da participación de Almudena García Rubio no curso ‘IV Centenario da publicación de El Ingenioso Caballero Don Quijote de la Macha (1615-2015)’, un seminario monográfico que se desenvolverá do 21 ao 23 de abril na Facultade de Humanidades baixo a dirección das profesoras da USC Cristina Patiño e Ana Goy, confire se cabe máxima actualidade a unha temática de manifesto interese, como o é a obra cumio de Miguel de Cervantes. Programa, información e matrícula O XI Curso de Primavera da USC presenta un programa estruturado en distintas seccións. Na primeira, que afonda na difícil fazaña que constitúe a investigación, as coordinadoras do seminario dan cabida a achegas de novos investigadores e estudantes de doutoramento, para logo abordar os mundos de Cervantes e o esplendor da cultura na súa época, así como a fonda pegada deixada por esta obra, en particular, e polo legado cervantino, nun contexto máis amplo. O catedrático da USC Luis Iglesias Feijoo abrirá o 21 de abril a quenda de intervencións da undécima edición do Curso de Primavera da USC cun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘ Cervantes ataca de novo: el Quijote, segunda entrega’. Preto doutros 30 relatores intervirán nas distintas sesións programadas no marco deste seminario monográfico, que rematará o 23 de abril cunha homenaxe póstuma ao pintor e cervantista Juan Queralt Blanch. As persoas interesadas en formalizar a súa inscrición no X Curso de Primavera da USC poderán formalizar a súa matrícula ata o vindeiro 17 de abril nas oficinas da Área de Cultura do campus Lugo, sitas na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. Para obter máis información tamén poden chamar ao número de teléfono 98.82.15.13. O custe da matrícula será de 10 euros. Os estudantes universitarios, de Formación Profesional, persoal de administración e servizos, docentes e investigadores da USC, así como desempregados e pensionistas pagarán unha taxa reducida de 5 euros. Asemade, o estudantado universitario matriculado no XI Curso de Primavera da USC poderá solicitar o seu recoñecemento por un crédito académico de libre configuración.