Pasar al contenido principal
STG

‘El Quijote’ e a pegada de Cervantes centran a temática do XI Curso de Primavera da USC na Facultade de Humanidades

Goy, González, Outeiro, Silva, Basadre e Patiño, na inauguración do XI Curso de Primavera da USC
Goy, González, Outeiro, Silva, Basadre e Patiño, na inauguración do XI Curso de Primavera da USC
O catedrático da USC Iglesias Feijoo abre a quenda de relatorios dun seminario que cita ata o xoves uns de 30 estudosos da figura, a obra e os tempos de Cervantes

O XI Curso de Primavera da USC, que se desenvolve ata o xoves 23 na Facultade de Humanidades do campus de Lugo baixo o título ‘IV Centenario da publicación de El Ingenioso Caballero Don Quijote de la Macha (1615-2015)’ , fixa de novo a atención na obra cumio de Cervantes e tamén na súa pegada literaria e na época que lle tocou vivir, xusto no ano no que se cumpre o cuarto centenario da publicación da segunda parte de ‘El Quijote’, así como da súa obra teatral ‘Ocho comedias y ocho entremeses nuevos, nunca representados’, publicada tamén en 1615, e cando se está a piques de coñecer se os restos localizados no madrileño convento das Trinitarias corresponden a Miguel de Cervantes Saavedra.

O catedrático da USC Luis Iglesias Feijoo abriu este martes a quenda de relatorios deste seminario monográfico sobre a obra cumio cervantina cunha intervención baixo o título ‘Cervantes ataca de novo: el Quijote, segunda entrega’. Preto doutros 30 relatores, entre os que figura a arqueóloga forense Almudena García Rubio, unha das investigadoras responsable das escavacións que semellan ter dado cos restos de Cervantes, intervirán nas distintas sesións programadas no marco deste seminario monográfico, que rematará o xoves 23 de abril cunha homenaxe póstuma ao pintor e cervantista Juan Queralt Blanch, cuxa viúva e tamén o seu fillo participaron na xornada de apertura do foro. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, foi a encargada de presidir a sesión inaugural deste foro de análise e debate, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no marco dun acto no que tamén participaron as codirectoras do curso, as profesoras da USC Ana Goy Diz e Cristina Patiño, así como a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e o deputado provincial delegado das áreas de Cultura e Deportes, Mario Outeiro. A colaboración institucional e tamén de profesores e investigadores que permite a celebración da undécima edición do Curso de Primavera da USC foi unha das cuestións destacadas na apertura deste foro monográfico sobre a obra cumio de Cervantes e o seu legado, un curso “ben coñecido e asentado tanto no conxunto da USC como na sociedade civil luguesa, e co que se contribúe a dar maior visibilidade a algunhas das investigacións desenvolvidas ao longo da última década na facultade luguesa”. A estabilidade temporal e o carácter interdisciplinar que de sempre presentan os Cursos de Primavera da USC foron outros dos argumentos sinalados na presentación deste seminario formativo e de divulgación, no que este ano formalizaron a súa inscrición preto de medio centenar de estudantes, titulados e investigadores. Alén dos distintos relatorios e temas xa indicados no programa, o XI Curso de Primavera da USC serve tamén de escenario para a mostra de gravados e debuxos a pluma inspirados no Quijote e realizados por estudantes da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.04.2015.