Cun obradoiro de caligrafía, lecturas improvisadas, xogos tradicionais e de rol o alumnado de filoloxía clásica celebra o Día do Libro

O alumnado de Filoloxía Clásica celebrará este xoves 23 na facultade o Día do libro cunha xornada chea de actividades, gratuítas e abertas a todo o público, coa intención de facer desta data unha ocasión para dar a coñecer as culturas grega e romana de formas entretidas e innovadoras. Así, quen se achegue pola mañá ao vestíbulo do centro poderá participar nun taller de caligrafía en rústica romana axudado por cálamos improvisados e papiro ou achegarse ao ocio do día a día romano intervindo nos xogos tradicionais que se desenvolverán durante toda a mañá. Ademais, ás 11.00 horas terá lugar unha lectura libre de textos en calquera lingua e independentemente da súa autoría, nunha busca de resaltar a esencia desta xornada, a labor dos filólogos e o espírito lector. Por último, quen o desexe pode participar no xogo de rol ‘O Olimpo en armas’, unha adaptación á cultura grecolatina do xogo Les loups-garous de Thiercelieux a través da cal o xogador coñecerá os papeis e funcións dos deuses olímpicos.