A Facultade de Humanidades celebra un acto académico este luns co gallo da festividade de San Isidoro
A Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC celebrará este luns 27 de abril, a partir das 12.00 horas no salón de actos do complexo docente, un acto académico co gallo da festividade de San Isidoro de Sevilla.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, será o encargado de presidir esta sesión, no marco da que tamén intervirán a decana da Facultade de Humanidades da USC, María Isabel González Rey, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro. O catedrático de Antropoloxía da USC Xaquín Rodríguez Campos ofrecerá un relatorio baixo o título ‘Da xénese da conciencia nacionalista en Galicia á democracia cosmopolita’. Ao remate da intervención deste relator, procederase á entrega de premios extraordinarios do curso 2013-2014 ás persoas que completaron con mellor expediente académico o máster en Servizos Culturais, así como as titulacións de grao en Lingua e Literatura Españolas e Ciencias da Cultura e Difusión Cultural. O recital de Manon y Lleuwen ‘Y Ddau Farch y Suár Gwynt’ servirá de peche a esta sesión académica, que está aberta a participación de toda a comunidade universitaria, así como do público en xeral.