Pasar al contenido principal
STG

O prazo de preinscrición para o exame do Diploma de Francés Xurídico Profesional remata o 20 de abril

O Centro de Linguas Modernas, en colaboración coa Facultade de Filoloxía, organizan na USC o exame correspondente ao Diploma de Francés Xurídico Profesional que certifica a competencia de nivel B2 e está dirixido a persoas que, logo de estudar entre 450 e 500 horas de francés e ser capaces de utilizar o idioma de forma eficaz, traballan ou desexan traballar con xuristas francófonos ou con documentación xurídica redactada en francés. Para dar conta dos detalles desta convocatoria o próximo xoves 19 está prevista unha charla na Facultade de Filoloxía en horario de 11.00 a 12.00 horas. O exame da convocatoria de 2015 está previsto que se celebre entre o 15 e o 19 de xuño, data que se concretará coa suficiente antelación. As persoas interesadas xa poden formalizar a súa preinscrición ata o 20 de abril para o que deberán poñerse en contacto con Geneviève Lecorre (genevieve.lecorre [at] usc.es (genevieve[dot]lecorre[at]usc[dot]es)) manifestando a súa intención de presentarse á proba. É posible obter máis información na web do Centro de Linguas Modernas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.03.2015.