Clausura da primeira promoción do máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria
A comisión académica do máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria da Facultade de Psicoloxía da USC celebrará este xoves, a partir das 17.00 horas, no salón de actos do devandito centro universitario compostelán, o acto de clausura da primeira promoción deste posgrao.
O vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, José Pereira, presidirá esta sesión de clausura no marco dun acto no que tamén intervirán a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez Prada; a decana da Facultade de Psicoloxía, Socorro Rodríguez Holguín; e a coordinadora o máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria, Carmen Senra Rivera. Un relatorio baixo o título ‘Intervención psicolóxica na depresión adolescente’, a cargo do catedrático da Universidade de Murcia e experto en psicoloxía clínica, Francisco Javier Méndez Carrillo, precederá a entrega de insignias á promoción 2013-2015 do máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria, trala que a estudante Marta del Villar Rubín intervirá en representación dos integrantes da promoción. A actuación do grupo de canto Aleceia servirá de colofón do acto.