Pasar al contenido principal
STG

A USC aborda o novo paradigma do ensino no mundo dixital cun seminario de formación continua para estudantes e docentes

A Facultade de Humanidades mantén aberto na súa web o proceso de matrícula no curso presencial ‘Enredad@s na rede’, que se desenvolverá do 11 ao 14 de marzo

A Facultade de Humanidades da USC pretende crear un foro de debate e reflexión sobre o novo paradigma que abre no ensino o mundo dixital a través da celebración dun curso de formación continua, aberto á participación de estudantes e docentes universitarios e de ensino medio, que se desenvolverá de xeito presencial no devandito centro universitario lugués do 11 ao 14 de marzo.

O programa formativo ‘Enredad@s na rede: orientacións e recursos para a ensinanza das humanidades no mundo dixital’, xurde a interese dun grupo de docentes na Facultade de Humanidades do campus de Lugo por establecer unha sorte de seminario permanente no que profesores de ensinanzas medias e universitarias e estudantes intercambien opinións e experiencias respecto das novas posibilidades e necesidades asociadas ás novas tecnoloxías da información e da comunicación, así como respecto do seu aproveitamento óptimo. O curso ‘Enredad@s na rede: orientacións e recursos para a ensinanza das humanidades no mundo dixital’ presenta unha estrutura dinámica ao longo de preto de 20 horas de formativas repartidas en catro xornadas, do 11 ao 14 de marzo. As tres primeiras sesións programadas desenvolveranse no salón de graos da Facultade de Humanidades en quenda de tarde, de 18.00 a 21.30 horas. As actividades previstas para a xornada de clausura deste curso trasladaranse á Aula de Informática do centro universitario lugués, que, en quenda de mañá acubillará diferentes relatorios nos que se abordarán as ligazóns entre a cultura dos libros e das redes ou a dispoñibilidade de materiais de apoio dixitais en lingua galega e castelán. Xa pola tarde, o curso rematará cun obradoiro sobre emprego de ferramentas dixitais. Programa A profesora do Departamento de Lingua Española da USC e coordinadora deste curso de formación continua, Mar Campos Souto, e a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, abrirán o luns 11 a quenda de relatorios cunha aproximación respecto das vantaxes e dos riscos que depara a incorporación das novas tecnoloxías á docencia. A linguaxe dixital e a disposición de recursos e ferramentas para o ensino e a literatura e a lingua, a aplicación das TIC á difusión do patrimonio, o funcionamento electrónico dos arquivos e das bibliotecas non escolares e, entre outros, os dicionarios dixitais, serán algúns dos temas que abordarán os distintos relatores que impartirán esta actividade formativa. As persoas interesadas en formalizar a inscrición neste seminario poden facelo a través da páxina web da Facultade de Humanidades da USC, onde atoparán o formulario para cubrir cos seus datos persoais, así como outra información de interese para completar a matrícula.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.03.2015.