Pasar al contenido principal
STG

O grupo I+D Farma da USC coordinará o proxecto europeo AERoGELS para a investigación en aeroxeles con aplicacións biomédicas e ambientais

Representantes dos grupos europeos liderados pola USC reunidos en Bruxelas
Representantes dos grupos europeos liderados pola USC reunidos en Bruxelas

O investigador Ramón y Cajal do grupo I+D Farma Carlos A. García González acaba de ser elixido coordinación da acción COST titulada ‘Advanced Engineering and Research of aeroGels for Environment and Life Sciences’ (AERoGELS) que impulsará a investigación e innovación de aeroxeles con aplicacións biomédicas e ambientais. A designación do investigador da Facultade de Farmacia da USC produciuse na primeira reunión executiva desta acción nun encontro celebrado en Bruxelas. O poxecto AERoGELS está financiado polo programa Horizonte 2020 da UE e conta coa participación de 39 países representados por universidades e empresas dos campos científico, tecnolóxico, regulatorio e comercial.

Os aeroxeles son materiais porosos nanoestruturados formados por un 99% de aire e apenas un 1% de material sólido. Estes materiais estanse utilizando en produtos de alto valor engadido na industria aeroespacial e téxtil. Como explica Carlos A. García, neste proxecto avaliarase o uso de aeroxeles especificamente para aplicacións biomédicas e ambientais. De catro anos de duración, AERoGELS facilitará o desenvolvemento de novos produtos baseados nestes materiais mediante o intercambio de ideas, coñecemento e resultados nunha rede multidisciplinar e multisectorial, así como a promoción da formación e a mobilidade de novo persoal investigador no ámbito europeo.

Esta é a primeira vez que unha acción COST (Cooperación Europea no ámbito da Investigación Científica e Técnica) é liderada por unha universidade galega dentro do programa de ‘Enxeñaría de materiais e procesos químicos’. As convocatorias COST son altamente competitivas cunha taxa de éxito inferior a un 5% sobre todos os proxectos presentados. En opinión do investigador do grupo I+D Farma, a concesión desta iniciativa europea fomentará o posicionamento da USC no campo dos materiais avanzados representado pola Agrupación Estratéxica de Materiais (AeMAT).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.05.2019.