O colectivo Ruralia abre este martes o III Ciclo de Cinema Rural en Lingua Propia coa proxección de ‘En todas as mans’
O colectivo universitario de innovación docente Ruralia abre este martes a terceira edición do Ciclo de Cinema Rural en Lingua propia coa proxección do audiovisual ‘En todas as mans’, unha produción na que se reflexiona sobre os montes veciñais e/ou baldíos de dous territorios veciños como o son Galicia e Portugal, que poderá visualizarse a partir das 18.00 horas no salón de actos da Facultade de Humanidades.
O proxecto ‘En todas as mans’ constitúe unha ollada dos habitantes na procura dun horizonte no que os territorios que están nas súas mans poidan ser creadores de riquezas económicas, ambientais e sociais para o seus pobos. A entrada para visualizar esta longametraxe, que se proxectará na súa versión orixinal en galego e portugués, é libre e gratuíta. Esta actividade relacionada co monte veciñal en man común está organizada polo grupo Ruralia da USC en colaboración co Centro de Linguas Modernas da USC e da rede de agroecoloxía Revolta. Asemade, a proxección do filme ‘En todas as mans’ completarase cunha mesa de debate sobre a propiedade veciñal que se desenvolverá o 24 de novembro, a partir das 16.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. O xefe da área de montes veciñais en man común da Consellería de Medio Rural, Santiago Fraga; a enxeñeira de Montes e socia de Tenzas, Noemí García, e Alberte Román, de Trespés Cooperativa Galega, serán os relatores que participarán nesta mesa de debate sobre a propiedade veciñal.