O prazo para inscribirse no Akademia Project remata o 11 de outubro

A USC e a Fundación Innovación Bankinter promoven a sétima edición de Akademia Project, un curso de carácter gratuíto que busca estimular a actitude innovadora e espertar o espírito emprendedor entre estudantes das principais universidades españolas. As persoas que o cursen terán a oportunidade de vivir o proceso completo de innovación, desenvolvendo un proxecto emprendedor coa axuda de emprendedores e business angels. Este martes presentáronse na Facultade de Farmacia as súas principais características da convocatoria nunha sesión aberta a todo o público interesado que aínda pode formalizar a súa inscrición en Akademia Project ata o próximo 11 de outubro enviando un currículo a akademiafibk [at] bankinter.es (akademiafibk[at]bankinter[dot]es). Esta é unha iniciativa formativa dirixida a estudantes de últimos cursos de calquera titulación universitaria.
O curso desenvólvese en diversas universidades de toda España, e no caso da institución compostelá conta co apoio da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE). A través dun programa único, esta iniciativa aposta por unha formación diferente enfocada a desenvolver o pensamento creativo e a resolución de problemas con respostas innovadoras que acheguen valor. Todo o material empregado neste proceso formativo baséase no coñecemento xerado no Future Trends Forum, considerado entre os mellores think tank de ciencia e tecnoloxía de España e un dos máis destacados do mundo.
As sesións esténdense ao longo de todo o curso académico en doce sesións, oito sobre as tendencias a tratar e outras catro máis onde se propón ao alumnado que desenvolva un proxecto emprendedor. O proxecto resultante presentarase na sesión de clausura ante un xurado formado por expertos, emprendedores e potenciais inversores. O 93% dos máis de 1.000 alumnos/as universitarios que pasaron por Akademia recomendan cursalo, destacando que a experiencia lles ofreceu ferramentas, conceptos e técnicas centradas na innovación o que lle deu ao alumnado un enfoque máis amplo para a xeración de ideas e a resolución de problemas achegando máis valor.