Pasar al contenido principal
STG

Un congreso internacional en Filoloxía profunda na terminoloxía

A vindeira semana terá lugar na USC o Segundo Congreso Internacional da Rede de Lexicografía (RELEX), dedicado este ano á terminoloxía, un campo de estudo fundamental para todas as linguas que queiran responder desde a súa identidade ás necesidades denominativas especializadas da sociedade actual, pero que adquire unha importancia especial para as linguas que están inmersas nun proceso de normalización. O encontro profundará na relación entre terminoloxía e empresa e no traballo colaborativo na elaboración e difusión da terminoloxía, dúas cuestións importantes para os organizadores na realidade actual de Galicia. “Os problemas da terminoloxía e o mundo empresarial é recorrente no Plan Xeral de Normalización Lingüística do 2004, e é un dos puntos importantes do Plan de normalización lingüística no ámbito da empresa que neste momento elabora a Xunta de Galicia”. No que se refire ao traballo colaborativo na produción e difusión da terminoloxía, explican, é fundamental en todos os ámbitos “pero dunha maneira moi especial na terminoloxía das TIC e nos problemas de localización de software ao galego, onde existe unha comunidade moi activa de traballo colaborativo”. A inauguración do congreso será ás 9.15 horas na Facultade de Filoloxía presidida polo vicerreitor de Comunicación, Xosé Pereira, e está ademais prevista a asistencia do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da decana da facultade anfitrioa, do presidente da Fundación Galicia-Empresa e do presidente da RAG. A continuación, a presidenta da Secció Filológica do Institut d’Estudis Catalans, María Teresa Cabré, pronunciará a conferencia ‘Terminoloxía e variación: proposta teórica e aplicación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.10.2015.