Pasar al contenido principal
STG

Mulleres científicas debaten na USC sobre os teitos de cristal

Mulleres científicas debaten na USC sobre os teitos de cristal
Mulleres científicas debaten na USC sobre os teitos de cristal
Na mesma xornada constituíuse a sección galega da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT)

A vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolorez Álvarez Pérez, presidiu este martes a inauguración das xornadas ‘Mulleres na ciencia’ na Escola Técnica Superior de Enxeñaría no que interviñeron ademais a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois González; e o director da escola anfitrioa, Antonio Mosquera González.

A xornada comezou coa conferencia ‘Perspectiva de xénero en Horizonte 2020’ a cargo da presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT), Capitolina Díaz, e continuou coa mesa redonda ‘Científicas e tecnólogas: teitos de cristal e capas de invisibilidade’ na que participaron as profesoras-investigadoras Nieves Rodríguez Brisaboa, do Departamento de Computación da Universidade da Coruña (UDC); Mª Pilar Jiménez Aleixandre, de Didáctica das Ciencias Experimentais da USC; Coral del Río Otero, de Economía Aplicada da Universidade de Vigo; e Ana Jesús López Díaz, de Enxeñaría Industrial da UDC, como moderadora.

Ao remate celebrouse a asemblea constituínte da sección en Galicia da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) creada en 2001 por un grupo de mulleres de variadas disciplinas da Universidade, o CSIC e a industria coa fin de ser foro de discusión e rede de apoio para todas as investigadoras e universitarias coa fin de conseguir a plena participación das mulleres na investigación e a ciencia.

Exposición
En paralelo coa celebración desta xornada, abriu as súas portas en Compostela a exposición Investigadoras na Luz e nas Tecnoloxías da Luz , que estará instalada na Facultade de Química ata o 22 de decembro. A mostra entronca con dous dos obxectivos da declaración do ano 2015 como Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías baseadas na Luz, como son “promocionar o empoderamento da muller na ciencia” e “ fomentar vocacións científicas no ámbito da luz e das súas aplicacións”.

A exposición busca destacar aquelas investigadoras que contribuíron significativamente ao desenvolvemento do campo científico da luz e, deste xeito, “crear referentes para as futuras xeracións e, sobre todo, para as novas estudantes”.

Na mostra preséntanse as principais propiedades da luz así como as súas aplicacións como por exemplo os microscopios e os telescopios, os novos dispositivos de iluminación, o láser ou a fibra óptica. Ademais, retrátase a evolución da luz na arte, a súa utilización na produción enerxética ou os usos en medicina para a diagnose e o tratamento de enfermidades.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.12.2015.