O Claustro Universitario aproba as Liñas Xerais dos Orzamentos da USC para 2016

Por primeira vez en varios anos, as Liñas Xerais dos Orzamentos da USC para 2016 recollen un incremento do 7,5% con respecto ao exercicio anterior. Deste xeito, a proposta orzamentaria da USC ascenderá a 214 millóns de euros, case quince millóns máis que en 2015. As Liñas presentounas o reitor Juan Viaño no Claustro Universitario, onde obtivo 73 votos a favor, 12 en contra e 15 votos en branco, nunha sesión celebrada este xoves na Facultade de Psicoloxía. Esta formulación xeral dará paso agora á presentación dos Orzamentos da USC no Consello de Goberno e no Consello Social da USC nas próximas semanas.
A distribución do incremento orzamentario apuntado polo reitor permitirá entre as primeiras “ e máis importantes” actuacións “facer fronte dun mellor xeito ás necesidades de persoal que temos, marcadas pola escasa reposición dos últimos tempos”. As Liñas Xerais propoñen incrementar en 582.000 euros a capacidade real de gasto para o capítulo I prevista para o exercicio 2016 no plan de reequilibrio económico da USC. Segundo defendeu o reitor Viaño, esta maior dotación permitirá poñer a atención nas necesidades dos departamentos e no cumprimento dos compromisos de estabilización. Así, abrirase “un novo camiño a partir do próximo ano cara á promoción e á mellora dos recursos docentes”, explicou Viaño para engadir que “nestes momentos difíciles para todos, queremos ir un paso máis alá e garantir aos nosos traballadores e traballadoras as melloras condicións de estabilidade, sen esquecer o lícito dereito á promoción”.
Segundo o documento presentado en Claustro e xa en relación ao Persoal de Administración e Servizos (PAS), as liñas xerais dos orzamentos “garanten os primeiros pasos para iniciar o comprometido na Programación Plurianual, especialmente no que se refire á reorganización dos servizos, aos axustes da Relacións de Postos de Traballo, á mellora da profesionalización e ao inicio dun proceso de funcionarización do PAS”.
Gastos
Polo que respecta aos gastos xerais, a proposta presentada apunta unha redución de case 300.000 euros con dúas peculiaridades, “a primeira é que logramos establecer os mecanismos para reducir o gasto correspondente ás subministracións e servizos”, capítulo no que os acordos co concello de Santiago e a adopción de medidas de aforro enerxético en colaboración co INEGA “ permiten crear un escenario realista de redución de algo máis de 700.000 euros”. O segundo aspecto a ter en conta apunta os servizos á comunidade universitaria, respecto dos que Juan Viaño dixo que “ non podemos deixar esmorecer os gastos, porque os resultados finais do noso traballo dependen en grande medida destes investimentos”. A proposta orzamentaria neste sentido é aumentar en 468.000 euros as partidas relacionadas cos servizos á comunidade universitaria cunha “estratexia clara –v alorou o reitor-: reducir nos gastos diarios e aumentar o investimento en todo aquilo que nos permita medrar”.
No mesmo capítulo, o reitor lembrou as obrigas sinaladas no Plan Económico Financeiro de Reequilibrio en relación coa amortización da débeda, aspecto que consumirá 2,38 millóns de euros, ademais de 586.000 euros máis en concepto de redución de déficit. Tamén se referiu ao “aumento substancial nas operacións de investimento” dada a “urxente necesidade de acometer importantes renovacións nas estruturas e na dotación dos centros”, explicou o reitor na súa intervención, con especial mención ao investimento previsto para a mellora das infraestruturas da área TIC.
Facendo balance, o reitor agradeceu as propostas presentadas en forma de emendas ao documento orixinal de liñas xerais dos orzamentos, achegas que “son claras melloras do texto inicial e que, en moitos casos, deu lugar un documento enriquecido”. As decisión tomadas ata o momento nos órganos correspondentes, “o seu compromiso coa calidade e coa universidade permiten que esteamos seguindo milimetricamente o plan trazado para saír desta situación que chegou a ser dramática nalgún momento” . Para Juan Viaño “a disciplina na xestión permite estar falando xa dunha cifras positivas no ano 2015 e que conseguiron algo moi importante como deter a acumulación de déficit que estabamos arrastrando”.
A actualización da Programación Plurianual 2014-2018 volverá tratarse nun novo claustro toda vez que prosperou unha emenda de devolución defendida por Ernesto González que solicita a presentación dun novo documento no que figuren os obxectivos para 2016 partindo dunha relación concreta do grao de cumprimento das accións de 2015.
Actualización do plan de reequilibrio
O cumprimento das previsións previstas para o exercicio de 2015 e a mellora dos resultados obtidos en 2014, sumado á aprobación do novo plan de financiamento, fixo necesario actualizar o Plan Económico Financeiro de Reequilibrio da USC (PEFR). A actualización deste Plan non varía ningún dos obxectivos de redución de déficit e débeda que a USC se ten trazado para os vindeiros anos, segundo explicou o xerente José Manuel Villanueva Prieto, quen ademais adiantou que o plan prevé reducir á metade o déficit en 2020.
O xerente indicou tamén que o plan traballa no establecemento dunha metodoloxía que evite calquera escenario de programación de compromisos de gastos non asumibles. Isto facilitará que as perspectivas de mellora ano a ano se vaian cumprindo de maneira axustada á realidade.
Valedor
O valedor da comunidade universitaria, Miguel Alcaraz, presentou o seu informe correspondente ao pasado curso 2014-2015, no que destaca cuestións relacionadas coa avaliación e cos procedementos de xestión académica como as máis recorrentes das queixas e consultas que se lle presentan. Por sectores, das 68 queixas formuladas o pasado ano académico (só unha menos que no curso 2013-14), o 74% pertencían ao alumnado, seguidos de PDI e PAS, sendo os meses propios de matrícula –xuño e setembro– os que presentan un número maior de demandas. Ademais, o valedor recibiu un centenar de consultas.