Acto de lectura do comunicado da CRUE para pedir o remate das medidas que afectan ao estudo, á docencia e á investigación
O reitor da USC, Juan Casares, procederá este mércores, día 30 de abril, a partir 11.55 horas, no vestíbulo da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, a dar lectura ao comunicado conxunto elaborado polo comité permanente da CRUE co obxecto de facer pública a petición da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas de finalización das medidas excepcionais que afectan ao estudo, á docencia e á investigación.
A lectura deste comunicado da CRUE farase de xeito simultáneo en todas as universidades españolas ás 12.00 horas, tal e como acordaron os reitores. No caso da USC, o reitor Juan Casares dará voz a este manifesto no transcurso dun acto público, aberto a todas as persoas interesadas, que se desenvolverá a xusto antes do comezo do acto académico conmemorativo da festividade de San Isidoro de Sevilla, patrón das Humanidades.