A Igrexa e a relixión na cidade moderna centran un ciclo de relatorios na Facultade de Humanidades

A Área de Historia Moderna da USC celebrará o vindeiro mes de marzo na Facultade de Humanidades do campus de Lugo un ciclo de relatorios baixo o título ‘ Igrexa e relixión na cidade moderna’, un programa estruturado en catro sesións, que se celebrarán os días 6, 12 e 13 de marzo no salón de graos do centro universitario lugués.
Este programa formativo e de divulgación, coordinado por Fernando Suárez Golán, profesor da área de Historia Moderna da USC, ao abeiro do proxecto de investigación ‘Cidades, xentes e intercambios na monarquía hispánica’, busca achegar ao estudantado do campus lugués a asuntos sociais e culturais de actualidade. Os conflitos e a violencia no mundo urbano, a misoxinia no clero barroco, as vocacións femininas forzadas ao final do Antigo Réxime e a igrexa e a caridade no noroeste peninsular durante a Idade Moderna constitúen os eixos temáticos sobre os que versarán os catro relatorios programados neste ciclo.
As distintas sesións están dirixidas ao estudantado da Facultade de Humanidades, pero tamén son abertas ao resto da poboación universitaria así como ao público en xeral, xa que a asistencia e libre e gratuíta.