Pasar al contenido principal
STG

Filoloxía profunda na obra e transcendencia literaria de James Joyce

Filoloxía profunda na obra e transcendencia literaria de James Joyce
Filoloxía profunda na obra e transcendencia literaria de James Joyce
Será no transcurso do XXV Encontro da Asociación Española James Joyce que organizan as tres universidades galegas e que inaugura o reitor este martes 29

O reitor Juan Casares inaugurará este martes 29 os XXV Encontro da Asociación Española James Joyce que se van celebrar na Facultade de Filoloxía da USC promovidos por investigadores das tres universidades galegas baixo a coordinación da profesora da USC Margarita Estévez-Saá, do docente da Universidade da Coruña José Manuel Estévez-Saá, e da profesora da Universidade de Vigo Teresa Canedo Cabrera. Ao longo de dúas xornadas os/as participantes presentarán e comentarán a recente tradución do Ulises de James Joyce ao galego (editada por Galaxia), estudarán a obra do escritor e a súa influencia en autores contemporáneos, ademais de analizar autores e obras representativos da literatura irlandesa. No desenvolvemento deste encontro colaboran o Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin, dirixido polo catedrático da Universidade da Coruña Antonio Raúl de Toro Santos; o grupo de Investigación da USC ‘Discurso e Identidade’ que lidera a profesora Laura Lojo Rodríguez; a Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña; e os equipos dos proxectos de investigación dirixidos polos profesores José Manuel Estévez-Saá (Novas tipoloxías da (E/In)migración Europea), Margarita Estévez-Saá (A tradición feminina perdida: Antecesoras, contemporáneas e sucesoras de James Joyce) e Manuela Palacios González (Ex-sistere: A mobilidade das mulleres nas literaturas galega e irlandesa contemporáneas). Logo do acto inaugural que presidirá o reitor compostelán, o programa científico botará a andar cunha mesa redonda que reflexiona sobre a transcendencia da obra de James Joyce na produción literaria do século XX e continúa cunha sesión sobre antecesores, contemporáneos e sucesores de James Joyce. Para completar a sesión matinal celebrarase unha sesión dedicada á tradución de Ulysses ao galego. Pola tarde, o programa comeza ás 16.00 horas abordando diversas cuestións sobre a literatura irlandesa e continúa cunha xornada que se desenvolverá co lema ‘Viaxes atlánticos’ para rematar con outra sobre ‘Iberjoyce’ na que se presentará a nova web da Asociación Española James Joyce.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.04.2014.