Pasar al contenido principal
STG

O I Simposio do Notoriado en Galicia afonda en Humanidades no coñecemento da función notarial e dos seus diversos cometidos

Natalia Nieto, Pedro Garía Herradón, Mª Isabel González e Gonzalo Fernández, na apertura do simposio
Natalia Nieto, Pedro Garía Herradón, Mª Isabel González e Gonzalo Fernández, na apertura do simposio
García Herradón inaugurou o foro, froito dun convenio entre a USC e o Colexio Notarial de Galicia e que inclúe este venres unha visita ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo

O I Simposio do Notariado en Galicia afonda desde este xoves na Facultade de Humanidades do campus de Lugo no coñecemento das orixes e da evolución experimentada pola figura e o cometido dos notarios e da valía dos documentos en Galicia dos notarios en Galicia ao longo da historia, concretamente desde a Idade Media e a Idade Moderna ata a actualidade.

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, presidiu a inauguración deste programa monográfico, que, segundo dixo, supón un primeiro achegamento a unha temática case inédita en Galicia, como é o mundo dos notarios, no marco dun acto inaugural no que tamén participaron a decana da Facultade de Humanidades da USC, María Isabel González Rey; o coordinador do simposio, o profesor Gonzalo Francisco Fernández Suárez, e Natalia Nieto Alba, en representación do Colexio Oficial Notarial de Galicia. García Herradón trasladou os seus parabéns aos promotores desta actividade formativa e divulgación do cometido notarial, un programa monográfico, coordinado polo profesor da Universidade de Santiago Gonzalo Francisco Fernández Suárez e que constitúe a primeira das actividades organizadas ao abeiro dun convenio asinado en xaneiro de 2013 entre a institución académica compostelá e o Colexio Oficinal de Notarios de Galicia. A decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, destacou o interese da temática sobre a que versa este seminario, que, na súa opinión, permite explorar novas vías de colaboración entre o propio centro universitario e o Colexio Notarial de Galicia orientadas a redundar en beneficio da sociedade. Neste mesmo senso, a Natalia Nieto amosou a disposición do Colexio Notarial de Galicia, unha entidade creada en 1862 e que na actualidade conta con 187 notarías demarcadas -77 na provincia da Coruña, 59 en Pontevedra, 30 na provincia de Lugo e 21 na de Ourense-, a participar en futuras iniciativas organizadas en colaboración coa Facultade de Humanidades e, por ende, coa USC. O profesor Gonzalo Francisco Fernández salientou o interese espertado por este simposio, no que se inscribiron preto de 20 estudantes e profesionais, e manifestou o seu desexo de que resulte proveitoso para a creación dunha futura literatura científica do notariado en Galicia. Fernández Suárez referiuse á figura dos notarios como uns profesionais que ademais do seu cometido principal de fedatarios da realidade e custodios da memoria dunha colectividade, foron asumindo novas tarefas en función da conxuntura histórica de cada momento. Os escribáns das Terras de Nemancos e das Xuntas do Reino de Galicia, os minutarios notariais do arquivo da catedral de Ourense, a organización e descrición arquivística dos protocolos notariais, así como os notarios de Tui e de Viveiro e o notariado de número e concello compostelán nos inicios da Idade Moderna constitúen os eixos temáticos sobre os que versarán os sete relatorios programados neste I Simposio do Notariado en Galicia, un foro pioneiro que prolongará a súas sesións este venres, día 28 de febreiro, no salón de graos da Facultade de Humanidades e que rematará, a partir das 18.30 horas, ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.02.2014.