A revista cultural do campus de Lugo ‘Evohé’ rende homenaxe a Julio Cortázar no 50 aniversario da publicación de ‘Rayuela’
A revista cultural do campus de Lugo, ‘Evohé’, rende unha particular homenaxe ao escritor arxentino Julio Cortázar no seu número 24, coordinado polas alumnas Cristina Fiaño e Sandra López co gallo do 50 aniversario da novela ‘Rayuela’, unha das obras centrais deste autor, tradutor e intelectual arxentino, escrita en París e publicada por vez primeira en España o 3 de outubro de 1963.
A última entrega de ‘Evohé’, presentada este mércores no salón de graos da Facultade de Humanidades no transcurso dun acto guiado pola decana do centro universitario lugués, María Isabel González Rey, e no que tamén participaron o escritor e profesor do Departamento de Literatura Española da USC, Claudio Rodríguez Fer, e a vicexerenta do campus lugués, Carmen Varela, ademais das coordinadoras deste número, as alumnas Cristina Fiaño e Sandra López, permitiu afondar no coñecemento da figura e da obra de Cortázar, de quen este ano se celebra o primeiro século do seu nacemento. Destaca entre os contidos desta nova publicación confeccionada polo alumnado da Facultade de Humanidades de Lugo a Jean Liberto Andreu, estudoso e amigo de Cortázar, que comparte nas páxinas de ‘Evohé’ a vitalidade e a rebeldía deste mestre das letras e da literatura hispanoamericana. O novo volume de ‘Evohé’, unha revista fundada polo alumnado da Facultade de Humanidades en 1997 para servir de lugar de encontro e canle de expresión dos universitarios do campus lugués, constitúe tamén o soporte escollido polo fotógrafo lugués Eduardo Ochoa para a publicación das súas ‘Inminencias’. Logo dunha andaina que comezou xa hai tres lustros, a revista cultural do campus de Lugo ‘ Evohé’ mantén intactos os obxectivos cos que naceu esta publicación, en cuxa edición teñen participado quince promocións de estudantes cultivadores das artes, da poesía, a narrativa, o ensaio e a investigación.