Pasar al contenido principal
STG

A Universidade de Santiago acolle a XV Conferencia de decanos, decanas, directores e directoras de Matemáticas

Facultade de Matemáticas
Facultade de Matemáticas
Inaugurase este xoves baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijoó

Autoridades académicas das universidades españolas, de institucións relacionadas coa educación e investigación e de sociedades vinculadas coas matemáticas daranse cita estes días na USC na Conferencia de decanos, decanas, directores e directoras de Matemáticas (CDM), unha das actividades máis relevantes neste ámbito en España. No evento, que terá lugar entre os días 23 e 25, conmemórase o 25 aniversario da creación da CDM, que se reuniu por primeira vez en Santiago de Compostela no ano 2000. Agora, 14 anos máis tarde a Conferencia volve á USC como recoñecemento á relevancia nacional e internacional da Facultade de Matemáticas compostelá tanto no eido docente, investigador como na transferencia das matemáticas á sociedade. O encontro inaugurarase este xoves ás 16.00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas nun acto que preside o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoó, e no que participan o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño Rey; a presidenta da CDM, Carme Cascante Canut; a decana da Facultade de Matemáticas da USC, Victoria Otero Espinar; e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad. Durante as reunións anuais da CDM propíciase a toma de decisións importantes relacionadas coa formación, investigación e difusión das matemáticas a nivel estatal. Neste encontro farase público ademais, o venres 24, un informe realizado en colaboración coa Real Sociedad Matemática Española que indica os bos resultados obtidos polos investigadores españois, e en particular os galegos, no panorama da investigación matemática mundial. Matemáticas na USC A Facultade compostelá foi a primeira de España, xunto á da Universidade Autónoma de Barcelona e Salamanca, en impartir o grao de Matemáticas e ocupa tamén os primeiros lugares en número de alumnos de novo ingreso tendo unhas valoracións moi positivas nas enquisas de inserción laboral. Ademais, imparte tres másteres e tres títulos de doutoramento.

Do seu recoñecemento internacional dan conta, por exemplo, o posto 51-75 do Ranking de Shanghai en investigación mundial matemática, o terceiro no de Leiden ou o primeiro no de Granada. Nesta Facultade traballa tamén algún dos investigadores mais citados a nivel mundial no ámbito matemático nos últimos anos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.10.2014.