Pasar al contenido principal
STG

Humanidades conecta a industria cultural co mundo universitario a través dunha xornada de mediación e xestión cultural

López, González, Silva e Aldea, na apertura das xornadas en Humanidades
López, González, Silva e Aldea, na apertura das xornadas en Humanidades
A vicerreitora Carme Silva inaugurou este xoves un foro sobre iniciativa e creación de industria cultural que reúne preto de 40 participantes no campus de Lugo

A Facultade de Humanidades do campus de Lugo fomenta o contacto e a conexión de estudantes e titulados/as universitarios/as coa industria cultural, través da celebración dunhas xornadas monográficas sobre xestión e mediación cultural, no marco da que distintos empresarios e emprendedores do sector relatan a súas experiencias profesionais ao tempo que perfilan potencias liñas ou eidos de actuación.

O obxectivo do foro inaugurado este xoves pola Vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, e no que formalizaron a súa inscrición máis de 30 estudantes e titulados universitarios, ademais doutras persoas e profesionais alleos á USC, é o de esbozar o amplo abano de ámbitos profesionais que poden dar acubillo laboral aos graduados en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, unha titulación versátil que permite ao estudantado adquirir unha formación diversa e polivalente, segundo subliñou a decana da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, María Isabel González Rey. O director da consultora cultural e editorial Ouvirmos, Xosé Manuel Aldea Moscoso, abriu a quenda de relatorios desta xornada cunha intervención na que abordou as posibilidades da industria cultural desde o rural. De seguido, Xaime López Villar, socio fundador da cooperativa galega de xestión cultural Urdime e administrador de Xes-Cultura SL, unha xestoría especializada en cultura, falou da ampliación da distribución da cultura galega. A visión da cultura desde unha perspectiva allea á da propia cultura foi o tema sobre o que versou a intervención do director de Nordesía Produccións, Francisco Viéitez Cendón, coñecido como Paco de Pin. Ao remate do seu relatorio, o profesor Gonzalo Fernández moderou unha táboa redonda na que se fixo unha análise da situación actual e das perspectivas de futuro das industrias culturais en Galicia. A socia directora de Promove, Fátima Rodríguez Figueiras, abriu a quenda de relatorios vespertina cunha exposición sobre a xeración e avaliación de ideas empresariais a carón da xestión cultural. ‘Liguakit: unha navalla suíza tecnolóxica para as linguas’ é o título do relatorio co que o co fundador de Cilenis Isaac González pechou ou programa de intervencións deste foro. Asistenste as xornadas de xestión e mediación cultural

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.10.2014.