O concurso de pintura CreArte chega á súa terceira edición na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC fixo dende sempre unha firma aposta polo fomento da arte galega, prestándose como depósito e adquirindo durante moitos anos obras que actualmente se expoñen no centro. Continuando con ese espírito, por terceiro ano consecutivo convoca unha nova edición do concurso de pintura ‘ CreArte na Universidade’. Dirixido a toda a comunidade universitaria, no certame cada concursante deberá presentar unha única obra inédita creada entre xaneiro de 2013 e febreiro de 2014 de temática e técnica libres e dunha dimensión non inferior a 50x50 centímetros nin superior a 120x120. O xurado, presidido pola decana do centro, estará composto por membros da USC e da comunidade artística da contorna. Das imaxes das obras presentadas antes do 7 de marzo deberán facer unha selección, que no mes de abril conformará unha exposición temporal na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Neste concurso haberá un único premio, de 600 euros, para unha obra que pasará a formar parte do patrimonio da Facultade e que se exporá durante un ano no seu ‘Espazo de Arte’ reservado para tal fin. A entrega do premio farase coincidir coa celebración do Patrón da facultade e inauguración da exposición.