Pasar al contenido principal
STG

A directora dos centros de estudos galegos e cataláns da Universidade de San Petersburgo intervén esta semana na USC con conferencias e seminarios

Elena Zernova é a coordinadora da edición bilingüe en ruso e galego da Antoloxía da Literatura Galega

A catedrática de Filoloxía Románica da Universidade de San Petersburgo, Elena Zernova, imparte este martes 23 de setembro na USC a conferencia ‘Recepción da literatura galega en Rusia’. Será ás 13.00 horas na aula D7 da Facultade de Filoloxía da USC. Ademais, o venres 26 ás 13:00 horas ofrecerá no Instituto da Lingua Galega da USC o seminario ‘Problemas da tradución de textos literarios do galego ó ruso’. Zernova foi colaboradora científica na UNAM (México) e no Colexio de México, investigadora na Universidade Autónoma de Barcelona e profesora visitante nas universidades de Berlín, Leipzig, Central de Barcelona, Granada, Leeds, Manchester, Lleida San Sebastián e, actualmente, de Santiago de Compostela. Responsable da Antoloxía da Literatura galega Na Universidade de San Petersburgo dirixe o Centro de Estudos Cataláns e mais o Centro de Estudos Galegos, creado este en 1993, onde é responsable da Antoloxía da Literatura Galega (edición bilingüe en ruso e galego) na que intervén como coordinadora do proxecto, seleccionadora e tradutora. Desta Antoloxía publicáronse 19 tomos na Editorial St. Petersburg University Press, case todos con limiares de especialistas galegos. O primeiro, de 1995, é unha recompilación da poesía dos trobadores, seguida de diversas escolmas de poesía e prosa da literatura culta e popular dos séculos XIX e XX. A partir de 2005 irán aparecendo antoloxías bilingües de poetas clásicos nesta orde (Rosalía, Cabanillas, Curros, Pondal, Pimentel, Celso Emilio e Díaz Castro) ou ben textos só en ruso de narradores (Castelao e Blanco Amor). Xa para conmemorar o 150 aniversario de Cantares gallegos, en 2013 editouse esta obrasó en versión rusa. Elena Zernova traduciu obras de autores galegos vivos como Xa vai o griffón no vento, Noa e outras novelas de Alfredo Conde; A lingua das bolboretas de Manuel Rivas e Ser ou non deXurxo Borrazás; e tamén traduciu ao ruso obras de figuras da literatura hispanoamericana (Juan Rulfo e García Márquez), da vasca (Bernardo Atxaga) e da catalá (Santiago Rusiñol e Pere Calders).

Elena Zernovaé membro da Unión de Escritores de Rusia e dirixe o seminario dos tradutores mozos no Pen Club. Como investigadora é autora de máis de 70 publicacións ciéntificas e presentou relatorios en máis de 40 congresos internacionais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.09.2014.