Pasar al contenido principal
STG

O curso de verán da USC ‘As fontes documentais para o estudo do monte en Galicia’ cita 25 participantes no Museo de Lugo

Carme Silva, Mario Outeiro e Gonzalo Fernández, na apertura do curso
Carme Silva, Mario Outeiro e Gonzalo Fernández, na apertura do curso
Carme Silva subliña a dimensión humanística aplicada e o carácter interdisciplinar do seminario no acto de inauguración deste programa da Universidade de Verán da USC

A vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, inaugurou este xoves, no Museo Provincial de Lugo, o curso de verán da USC ‘ As fontes documentais para o estudo do monte en Galicia’, un programa dirixido polo profesor da Facultade de Humanidades do campus lugués Gonzalo Francisco Fernández Suárez e no que formalizaron a súa matrícula 25 persoas, que cubriron así as prazas ofertadas.

Carme Silva subliñou a dimensión humanística aplicada e a colaboración interdisciplinar que transmite este seminario estival no acto de inauguración, no que tamén participaron o deputado provincial delegado da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro, e o profesor do Departamento Historia I da USC, Gonzalo Francisco Fernández Suárez. O propio director do programa, que está estruturado en 15 horas lectivas e no que intervirán seis relatores ao longo de dúas xornadas, foi o encargado de abrir a quenda de relatorios cunha intervención que se desenvolveu baixo o título ‘A documentación catastral sobre os montes da Idade Moderna: a súa tipoloxía e utilidade para o estudo e o traballo no ámbito forestal’. A tamén profesora da USC Ana Cabana pronunciou o segundo relatorio da xornada na sede do Arquivo Histórico Provincial de Lugo, onde disertou sobre os consorcios, ou contratos que converteron o monte galego en forestal. O relatorio ‘Os pleitos de montes na actualidade: casuísticas, testemuñas e formas de resolución’, a cargo de Gregorio Casado, licenciado en Xeografía e Historia e perito calígrafo, pecha esta tarde a primeira xornada do curso. A fonte xudicial como elemento clave para o estudo do monte en Galicia é o tema do relatorio que ofrecerá este venres a profesora da USC Araceli Freire e que servirá para abrir a xornada de clausura deste curso da Universidade de Verán da USC, unha xornada na que outros relatores abordarán os mapas históricos como fonte para o estudo de dinámicas de estruturas agrarias ou das aplicacións de series históricas de imaxes de sensores remotos para a análise das dinámicas da paisaxe. Asistentes ao curso de verán, no Museo Provincial de Lugo

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.09.2014.