A transferencia de coñecemento dende a universidade ao entorno económico e social ten unha considerable traxectoria no ámbito das Ciencias Experimentais e as Tecnolóxicas. Pero, a pesar da falta de programas específicos de transferencia nas áreas de Ciencias Socias, Humanas, Xurídicas, e Artísticas, cada día ponse máis de manifesto o potencial de transferencia destas disciplinas.
Estas áreas son xeradoras de coñecemento que a través dos programas adecuados pode dar lugar a resultados transferibles a empresas ou entidades públicas, e a creación de novas empresas baseadas nese coñecemento. Estas relacións de colaboración poden xerar novas actividades económicas e ter un impacto social moi relevante. A importante produción científica de moitos grupos de investigación destas áreas permite intuir a existencia de oportunidades sen explorar para que os investigadores das áreas de ciencias sociais, xurídicas e humanidades poidan transferir os resultados das súas investigacións ás empresas e entidades externas ao entorno académico.
Ademais, a necesidade dun contrapunto e complemento, social e humanista, para moitos desenvolvementos actuais das ciencias experimentais, fai a súa achega imprescindible para os complexos cambios que se están a vivir na actualidade. As Áreas de Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas requiren procesos de valorización e transferencia dos resultados de investigación que teñan en consideración as súas especificidades, e aborden a tarefa con dinámicas propias e características diferenciais.