Pasar al contenido principal
STG

Fondo de Cooperación Internacional: axudas a persoas refuxiadas procedentes de Palestina e outros países en conflito

A USC ten mostrado nos últimos anos un forte compromiso coa cooperación internacional, ofrecendo programas de axudas para estudantes en situación de desamparo. Así, a nosa universidade promove desde o 2016 un programa de axudas para facilitar a acollida de estudantado con estatuto de refuxiado, de protección temporal en España ou procedente de zonas en conflito. A situación que se está a vivir actualmente en Palestina require unha resposta decidida da comunidade universitaria para renovar e ampliar ese compromiso.

Imaxe representativa

Neste contexto, esta proposta de micromecenado ten como obxectivo impulsar un fondo de cooperación internacional, que permita a todos os membros da comunidade universitaria contribuír á acollida deste estudantado na nosa institución, recadando fondos para o programa de acollida a persoas con estatuto de refuxiadas, de protección temporal en España ou procedentes de países en conflito.

No curso académico 2023-2024 a USC, en estreita colaboración co seu Consello Social, cubriu a través deste programa un total de 10 axudas. Coa vosa colaboración confiamos en poder manter e ampliar o programa para o vindeiro curso.

Obxectivos propostos

  • Acollida en residencias universitarias.
  • Prestación dunha axuda económica mensual para manutención.
  • Prestación de apoio á integración do estudantado refuxiado mediante asesoramento legal, psicolóxico e sanitario.
  • Acceso ou continuación de estudos superiores, situando os países en conflito como prioridade en materia de cooperación universitaria.