Pasar al contenido principal
STG

O Campus Terra impulsa a I+D coa convocatoria de 10 contratos pre e posdoutorais e de 14 bolsas para alumnado de mestrado

Vista aérea do Campus de Lugo
Vista aérea do Campus de Lugo
Un programa de prácticas remuneradas en empresas do medio rural para alumnado dos graos con afinidade temática ao campus de especialización da USC acreditado pola Xunta de Galicia completa a aposta a prol da carreira científica e da mellor inserción laboral de estudantes e titulados do Campus Terra
Lugo

O Campus Terra da USC, acreditado pola Xunta de Galicia como Campus de Especialización por un período de catro anos,  impulsa o seu potencial de I+D coa próxima convocatoria de 10 contratos pre e posdoutorais e coa posta en marcha dun programa de bolsas de iniciación á investigación aberto á participación de alumnado de calquera dos mestrados oficiais impartidos pola USC.

A creación no Campus Terra dun programa de prácticas extracurriculares remuneradas en empresas localizadas no medio rural e ao que pode concorrer o alumnado de terceiro, cuarto e quinto curso de calquera das titulacións de grao da sede universitaria luguesa con afinidade temática cos ámbitos científicos que contempla o Campus Terra, completan a aposta deste campus de especialización da USC para mellorar a inserción laboral do alumnado que completa a formación de grao.

A convocatoria de contratos e bolsas de investigación nas que traballa o Campus Terra da USC, cuxas modalidades se publicarán a través do Taboleiro Electrónico da USC a fin de facilitar así o acceso e coñecemento por parte de todas as persoas interesadas, contemplan diversas liñas de axudas que financia a Consellería de Educación, Cultura e Universidades da Xunta de Galicia.

Contratos predoutorais e posdoutorais

A convocatoria de contratos predoutorais do Campus Terra ofrece un total de 6 contratos, cunha duración de tres anos, aos que pode optar o persoal investigador predoutoral. O Campus Terra ofrece asemade en convocatoria pública 4 contratos posdoutorais. A duración de cada unha destas relacións contractuais prolongarase durante un período de tres anos de duración e as persoas beneficiarias das axudas posdoutorais poderán contar asemade cunha axuda engadida e de apoio ao inicio da investigación que desenvolvan ou proxecten realizar.

Bolsas de investigación

O esforzo pola potenciación da investigación que pretende o Campus Terra a través desta convocatoria de axudas concrétase tamén na oferta dun total de 14 bolsas de iniciación á investigación. Esta oferta, que se desenvolverá en réxime de concorrencia competitiva, está aberta a todas as persoas que estean a cursar calquera dos mestrados oficiais que se imparten no Campus.

Prácticas remuneradas no rural

Alén das distintas bolsas e contratos de investigación incluídos nesta convocatoria, o Campus Terra da USC tamén procura reforzar as súas ligazóns cos protagonistas do tecido produtivo a través da activación dun programa de prácticas extracurriculares e remuneradas en empresas asentadas no medio rural.

Esta liña de axudas, que se antolla como unha potencial pasarela cara ao mercado laboral, está dirixida a estudantes de 3º, 4º e 5º curso de calquera das titulacións de grao vencelladas ao Campus Terra. O número de beneficiarios deste programa de prácticas remuneradas poderá variar en función do tempo de permanencia das estadías nas empresas.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.05.2023.