O Campus Terra impulsa a I+D coa convocatoria de 10 contratos pre e posdoutorais e de 14 bolsas para alumnado de mestrado
O Campus Terra da USC, acreditado pola Xunta de Galicia como Campus de Especialización por un período de catro anos, impulsa o seu potencial de I+D coa próxima convocatoria de 10 contratos pre e posdoutorais e coa posta en marcha dun programa de bolsas de iniciación á investigación aberto á participación de alumnado de calquera dos mestrados oficiais impartidos pola USC.
A creación no Campus Terra dun programa de prácticas extracurriculares remuneradas en empresas localizadas no medio rural e ao que pode concorrer o alumnado de terceiro, cuarto e quinto curso de calquera das titulacións de grao da sede universitaria luguesa con afinidade temática cos ámbitos científicos que contempla o Campus Terra, completan a aposta deste campus de especialización da USC para mellorar a inserción laboral do alumnado que completa a formación de grao.
A convocatoria de contratos e bolsas de investigación nas que traballa o Campus Terra da USC, cuxas modalidades se publicarán a través do Taboleiro Electrónico da USC a fin de facilitar así o acceso e coñecemento por parte de todas as persoas interesadas, contemplan diversas liñas de axudas que financia a Consellería de Educación, Cultura e Universidades da Xunta de Galicia.
Contratos predoutorais e posdoutorais
A convocatoria de contratos predoutorais do Campus Terra ofrece un total de 6 contratos, cunha duración de tres anos, aos que pode optar o persoal investigador predoutoral. O Campus Terra ofrece asemade en convocatoria pública 4 contratos posdoutorais. A duración de cada unha destas relacións contractuais prolongarase durante un período de tres anos de duración e as persoas beneficiarias das axudas posdoutorais poderán contar asemade cunha axuda engadida e de apoio ao inicio da investigación que desenvolvan ou proxecten realizar.
Bolsas de investigación
O esforzo pola potenciación da investigación que pretende o Campus Terra a través desta convocatoria de axudas concrétase tamén na oferta dun total de 14 bolsas de iniciación á investigación. Esta oferta, que se desenvolverá en réxime de concorrencia competitiva, está aberta a todas as persoas que estean a cursar calquera dos mestrados oficiais que se imparten no Campus.
Prácticas remuneradas no rural
Alén das distintas bolsas e contratos de investigación incluídos nesta convocatoria, o Campus Terra da USC tamén procura reforzar as súas ligazóns cos protagonistas do tecido produtivo a través da activación dun programa de prácticas extracurriculares e remuneradas en empresas asentadas no medio rural.
Esta liña de axudas, que se antolla como unha potencial pasarela cara ao mercado laboral, está dirixida a estudantes de 3º, 4º e 5º curso de calquera das titulacións de grao vencelladas ao Campus Terra. O número de beneficiarios deste programa de prácticas remuneradas poderá variar en función do tempo de permanencia das estadías nas empresas.