Pasar al contenido principal
STG

O talento xuvenil en fotografía e artes plásticas agroma na Igrexa da USC

Pilar Murias (dereita) e Cristina Pichel (esquerda) posan cos creadores e creadoras finalistas. FOTO: Santi Alvite
Pilar Murias (dereita) e Cristina Pichel (esquerda) posan cos creadores e creadoras finalistas. FOTO: Santi Alvite
Unha mostra acolle as obras finalistas no certame Xuventude Crea ata o 28 de novembro
Santiago de Compostela

As obras ‘Comerse o mundo’ de Iago Fernández Díaz e ‘Mocidade’ de Yael de Lorenzo Lamas resultaron vencedoras nas modalidades de artes plásticas e fotografía, respectivamente, do certame Xuventude Crea. O conxunto de obras finalistas, quince en artes plásticas e dezasete en fotografía,  no marco destes galardóns que distinguen a creadoras e creadores non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, serán expostas na Igrexa da USC ata o 28 de novembro.  

Os nomes das persoas vencedoras déronse a coñecer no marco dun acto no que interviñeron a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias; e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil. En artes plásticas, o segundo premio foi parar a ‘Alienación’ de Diego Vidal Míguez; mentres que o terceiro compartírono as obras ‘S.T. (Una curva unha ola un cos)’ de María del Mar Ramón Soriano e ‘Inhabitable’ de Nerea Cordeiro Cerviño. Ademais, nesta categoría outorgouse unha mención de honra para a obra ‘Arrastre’ de Sara Camaño Pena.

Na modalidade de fotografía, a obra ‘Pathei Mathos’ de Miguel López Rodríguez recibiu o segundo premio; mentres que o terceiro recoñeceu a Olaya Rodríguez Pérez por ‘O parto’. ‘Ese virus que ni muere ni nos mata’ de Raquel Diz Rosendo e ‘Salitre’ de Martín Blanco Mouro recibiron as súas respectivas mencións de honra.

Xuventude Crea é un programa dirixido a creadoras e creadores  que naceran ou residan en Galicia.  Impulsado pola Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación das e dos artistas emerxentes.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.11.2022.