O talento xuvenil en fotografía e artes plásticas agroma na Igrexa da USC

As obras ‘Comerse o mundo’ de Iago Fernández Díaz e ‘Mocidade’ de Yael de Lorenzo Lamas resultaron vencedoras nas modalidades de artes plásticas e fotografía, respectivamente, do certame Xuventude Crea. O conxunto de obras finalistas, quince en artes plásticas e dezasete en fotografía, no marco destes galardóns que distinguen a creadoras e creadores non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, serán expostas na Igrexa da USC ata o 28 de novembro.
Os nomes das persoas vencedoras déronse a coñecer no marco dun acto no que interviñeron a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias; e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil. En artes plásticas, o segundo premio foi parar a ‘Alienación’ de Diego Vidal Míguez; mentres que o terceiro compartírono as obras ‘S.T. (Una curva unha ola un cos)’ de María del Mar Ramón Soriano e ‘Inhabitable’ de Nerea Cordeiro Cerviño. Ademais, nesta categoría outorgouse unha mención de honra para a obra ‘Arrastre’ de Sara Camaño Pena.
Na modalidade de fotografía, a obra ‘Pathei Mathos’ de Miguel López Rodríguez recibiu o segundo premio; mentres que o terceiro recoñeceu a Olaya Rodríguez Pérez por ‘O parto’. ‘Ese virus que ni muere ni nos mata’ de Raquel Diz Rosendo e ‘Salitre’ de Martín Blanco Mouro recibiron as súas respectivas mencións de honra.
Xuventude Crea é un programa dirixido a creadoras e creadores que naceran ou residan en Galicia. Impulsado pola Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación das e dos artistas emerxentes.