Ir o contido principal
STG

Saídas profesionais

A figura profesional do Traballador/a Social recoñécese a nivel estatal na Resolución de 23 de abril de 2013 que contempla o catálogo de referencia de servizos sociais.

Nos criterios comúns de calidade na prestación dos servizos establécese que as persoas que accedan ao Sistema Público de Servizos Sociais contarán cun profesional de referencia, que será un/ha Traballador/a Social. 

O/a profesional do Traballo Social é unha figura clave no Sistema de Servizos Sociais e tamén está presente de maneira moi relevante no Sistema de Atención á Dependencia ou no Sistema de Saúde.

A lei que regula os Servizos Sociais de Galicia establece que “a persoa profesional de referencia será preferentemente unha traballadora ou un traballador social da rede pública de servizos sociais” (Art. 24).  No ámbito municipal, a norma que regula os servizos sociais comunitarios tamén recolle que “a persoa profesional de referencia será un Traballador ou Traballadora Social” (Art. 37).

O papel destacado que a Lei de Inclusión Social de Galicia asigna ao traballador/a social reflíctese na esixencia da emisión dun “informe social realizado pola traballadora ou traballador social de referencia, que conterá unha valoración da situación ou risco de exclusión social e unha proposta sobre a idoneidade da aplicación da prestación” (Art. 36).

Noutros ámbitos de atención especializada contémplase tamén a figura do Traballador/a Social, formando parte dos equipos interprofesionais, por exemplo en xulgados de menores, servizos sociais penitenciarios, gabinetes de orientación familiar, etc.

Os/as graduados/as en Traballo Social desenvolven a súa labor profesional en diversos campos e áreas relacionados cos Servizos Sociais e outros sistemas de Benestar Social, e reforzan cada día a súa presenza nas entidades de iniciativa social e empresas privadas.

A gran variedade de servizos e institucións onde desempeñan o seu traballo caracteriza a situación actual. Así, desenvolven a súa actividade en Servizos Sociais Comunitarios e de Saúde, en unidades e centros especializados de persoas maiores, con discapacidade, con drogodependencias, menores en situación de desprotección, mulleres vítimas de violencia de xénero,  etc., e tamén na Administración autonómica, nas Deputacións, hospitais ou institucións penitenciarias.

Ámbito laboral

  • Servizos e entidades do sistema de benestar e outros sistemas da Administración pública
  • Entidades de iniciativa social (ONG)
  • Empresas privadas
  • Autoemprego

Continuación de estudos

O Grao permite o acceso a:

  • Programas oficiais de posgrao: de orientación investigadora (tese doutoral) e/ou de orientación profesional.
  • Títulos propios e cursos de especialización.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.03.2023.