Ir o contido principal
STG

Excelencia

O Campus Terra defínese pola súa excelencia, como demostran os resultados obtidos nos indicadores de universidades máis prestixiosos.

Imaxe

Neste senso, o Campus Terra da USC é unha das mellores opcións para cursar estudos de grao en España, segundo conclúe o U-Ránking 2020 das universidades españolas elaborado pola Fundación BBVA e o Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (Ivie), que sitúa tres das 19 titulacións de grao impartidas na sede universitaria lucense como as segundas mellores de España. Non se inclúen dentro deste estudo, por seren titulacións moi recentes, o Grao en Bioquímica, o Grao en Empresa e Tecnoloxía, o Grao Aberto 5USC Enxeñarías, o Grao en Paisaxe e o Grao en Robótica.

A VIII Edición do U-Ránking analiza un total de 70 universidades públicas e privadas, cubrindo o 84,34% do Sistema Universitario Español en termos do número de universidades públicas e privadas, e examina máis de 3.359 graos. Deste modo, o U-Ránking considera que, no tocante á docencia, investigación e desenvolvemento tecnolóxico, os graos en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, así coma Veterinaria, impartidos todos eles no Campus Terra da USC, sitúanse en segundo lugar no seu ámbito a nivel estatal.

O U-Ránking coloca en terceiro lugar, nos seus ámbitos respectivos, os graos en Enxeñaría Civil e en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria impartidos na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e os graos en Mestre/a de Educación Infantil e Mestre/a de Educación Primaria da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. Pola súa banda, o Grao en Nutrición Humana e Dietética e o de Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais da Facultade de Ciencias aparecen como cuarta mellor titulación de España nas súas áreas.

Outros graos da USC que tamén se imparten en Lugo obteñen posicións destacadas. É o caso do Grao en Enfermaría, que se atopa en quinta posición. No sexto lugar, os graos en Administración e Dirección de Empresas e o Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2021.