Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

STG

Traballos presentados

Información asimétrica nos Sistemas Financeiros
Autoría
L.M.G.
Grao en Administración e Dirección de Empresas [S]
Data da defensa
19.02.2025 13:00
Resumo
Este Traballo de Fin de Grao céntrase na información asimétrica dos sistemas financeiros, incluíndo conceptos fundamentais como a selección adversa, o risco moral e o deseño de incentivos. Cando unha das partes nunha transacción posúe información que a outra descoñece, pode ter lugar o fenómeno coñecido como selección adversa. Pola súa banda, o risco moral fai referencia á inclinación dunha persoa a tomar maiores riscos cando non se enfronta ás consecuencias completas das súas accións debido á cobertura ou protección que lle brinda a outra parte. A creación de mecanismos que axustan os intereses de ambas as partes e minimizan os problemas causados pola información asimétrica é o obxectivo principal do deseño de incentivos. O tema principal deste traballo é o estudo do impacto de información asimétrica nos sistemas financeiros, influíndo na estabilidade e na eficiencia financeira. Examínanse os custos de transacción relacionados coa desigualdade de información, e tamén se abordan as dificultades que enfronta o sector financeiro no seu intento de reducir eses inconvenientes. Tamén é importante resaltar as oportunidades que se presentan ao poñer en práctica as solucións eficientes e as perspectivas futuras para mellorar a transparencia e diminuír a falta de información. Finalmente, preséntanse diversos exemplos de selección adversa e de risco moral nos sistemas financeiros. Estes exemplos mostran como a falta de información simétrica pode causar resultados pouco favorables e aumentar os riscos a nivel sistémico, subliñando a necesidade de abordar estes problemas e fomentar unha maior estabilidade e eficiencia nos sistemas financeiros.
Dirección
FERNANDEZ CASTRO, María Belén (Titoría)
Tribunal
FERNANDEZ CASTRO, María Belén (Titor do alumno)
O Teletraballo, un Estudo Teórico e Empírico.
Autoría
N.G.S.
Grao en Administración e Dirección de Empresas [S]
Data da defensa
19.02.2025 10:30
Resumo
O teletraballo cobrou unha gran relevancia nos últimos anos, especialmente tras a pandemia do COVID-19, que impulsou a súa adopción debido ás restricións sanitarias. Este Traballo de Fin de Grao, cunha extensión de 9.977 palabras, analiza a súa evolución, vantaxes, inconvenientes e percepcións desde diferentes perspectivas, combinando unha revisión teórica cun estudo empírico baseado na realización dunha enquisa. A revisión teórica baséase principalmente na evolución do teletraballo e a súa regulación en España. Tamén se centra en definir as distintas modalidades existentes de teletraballo e analízanse as vantaxes e inconvenientes deste método de traballo así como a súa tendencia actual. Na parte empírica, preséntanse os resultados dunha enquisa dirixida a persoas con e sen experiencia en teletraballo. A análise dos datos permite identificar os factores que inflúen na decisión de teletraballar ou non, así como as percepcións sobre esta modalidade. Para iso, establecéronse distintos perfís de participantes, incluíndo teletraballadores, non teletraballadores e estudantes, o que permite unha visión máis ampla e detallada sobre as opinións respecto a esta forma de emprego. Os resultados reflicten que o teletraballo é percibido positivamente en aspectos como o aforro en desprazamentos, a conciliación laboral e persoal, e a flexibilidade horaria. Con todo, tamén se identifican desafíos importantes, como a falta de interacción social, a dificultade para desconectar do traballo e a falta de interacción social. O teletraballo é unha modalidade en crecemento, a pesar do retroceso despois do levantamento das restricións sanitarias, con importantes beneficios pero tamén con retos aos que enfrontarse. O seu futuro dependerá da evolución do mercado laboral, as regulacións e a adaptación das empresas e traballadores a esta forma de emprego.
Dirección
BARRAL BUCETA, BRAN (Titoría)
Tribunal
BARRAL BUCETA, BRAN (Titor do alumno)
Análise Económico-financeiro de Aluminios Cortizo S.A.
Autoría
N.T.B.
Grao en Administración e Dirección de Empresas [S]
Data da defensa
19.02.2025 13:00
Resumo
Aluminios Cortizo trátase da empresa líder no sector a nivel nacional na fabricación de perfís de aluminio e PVC. Conta con presenza en 60 países e completa todo o ciclo de produción. No traballo realizaremos unha análise económica-financeira da empresa e do grupo de comparación. A primeira parte tratará da presentación da empresa obxecto de estudo, onde realizaremos tamén unha análise interna e externa da mesma. Posteriormente realizarase unha análise económica-financeira partindo do cálculo de ratios e porcentaxes para o período 2020-2022. Chegamos á conclusión de que Aluminios Cortizo é a empresa máis prometedora das analizadas, basando a súa financiación principalmente en recursos propios. Conta con rendibilidades superiores que as do grupo de comparación que permiten o seu posto como empresa líder no sector a nivel nacional.
Dirección
GARRIDO GONZALEZ, MARIA LUZ (Titoría)
Tribunal
GARRIDO GONZALEZ, MARIA LUZ (Titor do alumno)
Aplicación da teoría de xogos nas ciencias políticas: A guerra comercial entre China y EE.UU.
Autoría
S.G.I.
Grao en Administración e Dirección de Empresas [S]
Data da defensa
19.02.2025 13:00
Resumo
Este traballo utiliza a teoría de xogos para analizar o conflito comercial entre Estados Unidos e China, examinando conceptos como o equilibrio de Nash e o dilema do prisioneiro. Aborda como as estratexias proteccionistas e a desconfianza mutua levaron a decisións subóptimas que afectan a ambas as economías. Tamén se estudan as implicacións políticas, o papel das institucións internacionais como mediadoras e os factores económicos que inflúen nas decisións estratéxicas de ambos os países. Finalmente, a análise destaca o papel da teoría de xogos para axudar a comprender as dinámicas de cooperación e conflito no comercio internacional.
Dirección
FERNANDEZ CASTRO, María Belén (Titoría)
Tribunal
FERNANDEZ CASTRO, María Belén (Titor do alumno)
Análise económico-financeira: Adega Condes de Albarei SAU
Autoría
A.P.S.
Grao en Administración e Dirección de Empresas [S]
Data da defensa
19.02.2025 13:00
Resumo
Este traballo ten como obxectivo realizar unha análise económico-financieira para a empresa Adega Condes de Albarei SAU, a cal está situada no concello de Cambados e se dedica á elaboración de viño. Con esta análise preténdese realizar un diagnóstico completo da entidade i evaluar a súa situación. Esta será realizada para un período de anos concreto (2020-2022) e os resultados obtidos polas diferentes porcentaxes e ratios serán comparados cos dun grupo de comparación cuxas características serán similares. Como conclusión, esta análise revela que Adega Condes de Albarei SAU conta cun desequilibrio financieiro, pero cunha leve melloría nos datos do ano 2022.
Dirección
RODRIGUEZ GULIAS, MARIA JESUS (Titoría)
Tribunal
RODRIGUEZ GULIAS, MARIA JESUS (Titor do alumno)
Plan de Marketing Dixital no mercado de Vehículos de Ocasión
Autoría
M.M.I.
Grao en Administración e Dirección de Empresas [S]
Data da defensa
19.02.2025 13:00
Resumo
O presente Traballo de Fin de Grao (TFG) desenvolve un Plan de Marketing Dixital para a empresa ficticia Autos Xacobeo, especializada na venda de coches de segunda man. O obxectivo principal é deseñar unha estratexia dixital eficaz que incremente a visibilidade, optimice a captación de clientes e reforce a fidelización nun mercado altamente competitivo. Para iso, o traballo comeza cunha análise detallada do mercado de vehículos de ocasión, identificando tendencias clave e factores que impulsan o seu crecemento. Posteriormente, realízase unha análise DAFO para avaliar as fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas da empresa, sentando as bases da estratexia de marketing dixital. O plan estrúcturase en torno a catro piares fundamentais: Optimización dixital e posicionamento SEO: Mellor do sitio web, uso de palabras clave estratéxicas e optimización para motores de busca. Estratexia en redes sociais e publicidade dixital: Campañas segmentadas en Facebook, Instagram e Google Ads para captar e converter clientes potenciais. Marketing de contidos e email marketing: Creación de contido relevante para atraer e fidelizar clientes mediante newsletters e publicacións informativas. Medición e control de resultados: Implementación de indicadores clave de rendemento (KPIs) para avaliar a efectividade das estratexias e optimizalas continuamente. O traballo conclúe destacando a importancia dun enfoque omnicanal, combinando a venda en liña coa experiencia física no concesionario. Así mesmo, enfatízase a necesidade de transparencia e confianza no proceso de compra como elemento diferenciador no mercado de vehículos de ocasión.
Dirección
PORTO PEDRIDO, JOSE RAMON (Titoría)
Tribunal
PORTO PEDRIDO, JOSE RAMON (Titor do alumno)
Análise da produción, demanda e saldos eléctricos das Comunidades Autónomas (2011-2021)
Autoría
X.C.T.
Grao en Administración e Dirección de Empresas [S]
Data da defensa
19.02.2025 13:00
Resumo
Nun momento como o actual, caracterizado pola aposta pola descarbonización da economía, acompañada de dous procesos tan relevantes como o de electrificación e dixitalización, resulta de sumo interese estudar o comportamento dos territorios en canto á xeración e demanda de enerxía eléctrica. O presente TFG ten como obxectivo xeral analizar a produción e demanda de enerxía eléctrica nas comunidades e cidades autónomas do Estado español nos anos 2011, 2016 e 2021. Logo de realizar unha breve presentación do marco regulatorio español da enerxía eléctrica a modo de contextualización, a análise pretende verificar a existencia dun proceso de substitución das fontes non renovables polas renovables ao longo do tempo e identificar os territorios que están a contribuír con maior intensidade a esta transición enerxética. No ámbito da demanda, identifícanse os factores que poderían explicala (poboación, riqueza e intensidade enerxética), establecendo unha clasificación de comunidades autónomas e comprobando se esa clasificación se mantén no tempo. Deseguido, contrapóñense os comportamentos dos ámbitos da produción e da demanda para clasificar os diferentes territorios en deficitarios, excedentarios ou equilibrados, reflexionando sobre as implicacións de cada perfil. Finalmente, extráense un conxunto de conclusións estruturadas en función dos obxectivos propostos neste traballo.
Dirección
CHAS AMIL, MARIA LUISA (Titoría)
Tribunal
CHAS AMIL, MARIA LUISA (Titor do alumno)
Estereotipos de xénero: a publicidade dos supermercados
Autoría
A.R.M.
Grao en Administración e Dirección de Empresas [S]
Data da defensa
19.02.2025 13:00
Resumo
A publicidade é unha ferramenta presente no noso día a día, non só repercute no noso consumo, tamén ten unha grande influencia nos nosos hábitos sociais, condutas e comportamentos. A miúdo presenta unha imaxe da muller que non reflicte a realidade, promovendo estereotipos que reforzan a desigualdade de xénero. Neste traballo imos estudar o papel da publicidade na creación e perpetuación destes estereotipos. Para iso, detallaremos o concepto de publicidade, así como os seus elementos. Analizarase a historia da muller na publicidade, así como a evolución da súa imaxe durante as distintas etapas. Tamén examinaremos a orixe e o significado dos estereotipos e as súas funcións dende o punto de vista de varios autores. Centrarémonos na representación da muller, nos trazos e atributos que se lle atribúen e nos principais estereotipos de xénero vinculados tanto a homes como a mulleres. Por último, realizaremos unha análise cualitativa dos estereotipos de xénero na publicidade dos supermercados, examinando diversos anuncios extraídos dunha colección de folletos e catálogos destas cadeas.
Dirección
BENITO TORRES, JOSE LEANDRO (Titoría)
Tribunal
BENITO TORRES, JOSE LEANDRO (Titor do alumno)
Patentes e o seu impacto na innovación
Autoría
Y.I.B.
Grao en Administración e Dirección de Empresas [S]
Data da defensa
19.02.2025 13:00
Resumo
Este estudo examino o impacto das patentes na innovación. A investigación analizada estuda como as patentes poden seguir sendo unha ferramenta fundamental para a innovación, ao mesmo tempo que outorgan dereitos exclusivos aos inventores. En primeiro lugar, os requisitos de patentabilidade non deben ser uniformes. Débeselle atribuír a cada sector uns requisitos diferenciados dependendo do ritmo inventivo. En segundo lugar, a duración e amplitude das patentes débese axustar ao ritmo inventivo de cada sector buscando a compensación. Por último, suxírense propostas económicas para a mellora do sistema de patentes. Estas propostas idean taxas progresivas que obrigan aos titulares a revelar o valor privado das súas innovacións, axustando a protección para evitar bloqueos a novos avances.
Dirección
ARJONA BEJAR, LUIS ENRIQUE (Titoría)
Tribunal
ARJONA BEJAR, LUIS ENRIQUE (Titor do alumno)
Valoración de Activos sen Prezo de Mercado.
Autoría
L.V.M.
Grao en Administración e Dirección de Empresas [S]
Data da defensa
19.02.2025 13:00
Resumo
O presente traballo céntrase nos activos sen prezo de mercado, que son aqueles bens que posúen as empresas con capacidade operativa, pero que non contan cun mercado recorrente onde se realicen transaccións habituais e, polo tanto, o seu prezo é máis difícil e complicado de calcular. Actualmente, estes activos son fundamentais no funcionamento das empresas modernas. Estes elementos patrimoniais presentan unha correlación directa co fomento da innovación, a creación de estratexias e a transparencia financeira das empresas, dentro dun contexto sen un mercado aparente, inexacto e sen certeza. Neste estudo ponse o foco nos activos intanxibles, o goodwill ou fondo de comercio, activos especializados, instrumentos financeiros non cotizados e outros bens culturais. Dentro dos citados, realizo un maior énfase nos activos intanxibles e o fondo de comercio, debido a que nun entorno cada vez máis dixitalizado e asentado no coñecemento, son cruciais na creación de valor, o desenvolvemento e as vantaxes competitivas dunha entidade. A análise contable recae no tratamento das normativas contables que describen os criterios de recoñecemento, valoración inicial e posterior. Estas normativas son a NIC-38, dedicada principalmente á definición e recoñecemento inicial dos activos intanxibles; a NIIF-13, determinación do valor razoable; a NIIF-3 relacionada coas combinacións de negocio e a NIC-36, que establece as probas de deterioro de valor para representar unha correcta valoración. O tratamento contable baséase nunha citación e explicación minuciosa da normativa, seguida dunha presentación de casos prácticos simplificados que reflicten, dunha maneira xeral, a valoración destes activos sen prezo de mercado.
Dirección
TRELLES GONZALEZ, RAFAEL (Titoría)
Tribunal
TRELLES GONZALEZ, RAFAEL (Titor do alumno)