Ir o contido principal
STG

BastAll, a era do bastón intelixente

O proxecto BastAll proponse mellorar a calidade de vida das persoas maiores no rural
Membros do proxecto BastAll
O proxecto impulsado por Levi Daniel García, Gabriel Chorén, Nerea Balde, Neil dos Reís e Alexandre Carnero acaba de obter o primeiro premio na cuarta edición do Terra Creative Jam

Un bastón que é moito máis que un punto de apoio. Un bastón que se apoia no potencial das TIC para converterse no mellor aliado das persoas maiores. O proxecto BastAll, impulsado por catro novos estudantes de Empresas e Tecnoloxía e unha psicóloga, acaba de resultar gañador da cuarta edición do programa Terra Creative Jam.

A iniciativa impulsada polo Campus Terra a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) en colaboración coa incubadora Lug Open Factory, volveu a demostrar o seu enorme potencial para dar forma a ideas innovadoras e espertar vocacións emprendedoras.

BastAll é, sen dúbida, un exemplo magnífico. Detrás deste proxecto están catro alumnos de terceiro ano de Empresa e Tecnoloxía (Levi Daniel García, Gabriel Chorén, Neil dos Reís e Alexandre Carnero) e a psicóloga Nerea Balde. Ese talento multidisciplinar foi un piar básico para crear un bastón de nova xeración.

Por que BastAll é un bastón intelixente que non só é un punto de apoio para o usuario. É, tamén, unha ferramenta avanzada con varias funcións de asistencia. En concreto, conta cun sistema de elevación progresiva e asistida que facilita levantarse ou desprazarse por terreos con desniveis, así como un estabilizador para minimizar o risco de caídas, tan comúns en persoas de idade avanzada.

Sistema de carga solar

BastAll incorpora ademais un GPS para controlar en todo momento a localización do propietario, unha luz integrada moi útil para escenarios de pouca visibilidade e un sistema de carga solar, ideal para garantir o rendemento do bastón sen ter que depender dunha toma eléctrica.

A formación académica dos cinco compoñentes do proxecto foi crítica para deseñar un gadget que cativou ao tribunal do Terra Creative Jam pola súa capacidade para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, moi especialmente daquelas que viven en contornas rurais. 

«Catro de nós -explican- somo estudantes de Empresas e Tecnoloxía, o que nos brinda unha sólida base no uso e a comprensión de tecnoloxías emerxentes e permítenos analizar como estas se poden integrar en modelos de negocio viables. Este coñecemento deunos a capacidade de deseñar unha solución innovadora e, ao mesmo tempo, pensar na súa posible implementación no mercado, tendo en conta aspectos como a sustentabilidade, a viabilidade económica e o impacto social».

Paralelamente, a formación e visión de Nerea Balde foi de gran utilidade para comprender as necesidades específicas das persoas maiores, dotando ao bastón de funcións que realmente achegan valor ao usuario.

En última instancia, o equipo contou co apoio dunha mentora que axudou aos creadores de BastAll a orientar as ideas e atopar un enfoque claro e sólido do que pretendían construír. 

Mellorar a calidade de vida dos maiores

Respecto das razóns que os levaron a apostar por este deseño, explican que «nos motivou o desafío de mellorar a calidade de vida das persoas maiores no rural, xa que sabemos que envellecer nestas contornas ten os seus retos particulares. Estas persoas adoitan enfrontarse a un acceso limitado a infraestruturas e servizos médicos e, en moitos casos, a dificultades para moverse con seguridade e confianza en terreos que poden ser irregulares».

E continúan: «Non queriamos propoñer unha solución que dependese de grandes cambios na infraestrutura, xa que iso sería pouco realista. Decidimos crear algo que puidese achegarlles seguridade e autonomía no seu día a día, respectando o seu desexo de seguir vivindo no lugar que coñecen e aman».

Sobre os seus plans de futuro, os integrantes do equipo que están a acabar os seus estudos de Empresas e Tecnoloxía admiten abertamente que o emprendemento está no seu punto de mira. Algúns enfocándose máis ao ámbito empresarial máis tradicional e outros co obxectivo posto na tecnoloxía.

Sexa cal for o camiño elixido, co proxecto BastAll demostraron unha mirada horizontal ao mundo que lles rodea. A tecnoloxía conectada coa tradición. O futuro e o pasado camiñando da man…

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.11.2024.