Ir o contido principal
STG

BIO_MARTERRA explora as propiedades bioestimulantes das algas mariñas para reducir o estrés das plantas terrestres

BIO_MARTERRA aspira a elaborar formulacións a partir de algas. FOTO: Santi Alvite
BIO_MARTERRA aspira a elaborar formulacións a partir de algas. FOTO: Santi Alvite
O grupo operativo no que participa o Campus Terra da USC pretende acadar a comercialización destes extractos e convertelos “nun produto innovador e sustentable, nunha clara aposta pola economía circular e azul”
Lugo

Os bioestimulantes elaborados a partir de algas mariñas abren un horizonte cheo de expectativas para a agricultura. Botar man destas substancias podería reducir, por exemplo, o uso de insumos químicos, cos que a lexislación é cada vez máis restritiva. Neste senso, o grupo operativo BIO_MARTERRA, no que participa o Campus Terra da USC, nace para optimizar a produción de extractos de algas con actividade bioestimulante a unha escala que permita a súa comercialización e avaliar os seus efectos beneficiosos contra estreses abióticos e bióticos en variedades autóctonas de horta, pataca e viña.

O proxecto xorde ante a necesidade de obter rendibilidade dos descartes de algas mariñas da industria alimentaria, transformando un subproducto “nun produto innovador e sustentable, nunha clara aposta pola economía circular e azul”, explican dende o consorcio no que tamén participan o Grupo VIOR da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, a fundación FEUGA, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), o Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, a empresa PORTOMUIÑOS e dous produtores primarios (Avelino Santana e a empresa familiar Horta da Lousa). O equipo investigador salienta que 40 toneladas de algas poden xerar 2 toneladas de descartes anuais en peso fresco, cifras que evidencian o escenario prometedor que se acubilla neste proxecto.

Función fertilizante

As macroalgas mariñas teñen propiedades que melloran o crecemento e a resistencia á tensión biótica e abiótica das plantas terrestres pero os seus beneficios posúen tamén unha  acción fertilizante ao achegar vitaminas ou minerais que contribúen a mellorar a calidade do solo. Dende tempos ancestrais, na agricultura costeira botábase man destes organismos pero o reto agora consiste en incrementar a produción a unha escala industrial, que permita a súa comercialización. De feito, a lei no Estado español limita os métodos de elaboración, restrinxe as especies de algas que poden utilizarse e establece os contidos nutricionais mínimos dos bioestimulantes. Ademais, o incremento nas proporcións da produción pode mudar a súa composición.

Neste escenario, BIO_MARTERRA aspira a elaborar formulacións a partir de Ascophyllum nodosum L. e outras algas que se combinarán, en proporcións axeitadas, para obter bioestimulantes con diferentes propiedades que permitan que os cultivos toleren mellor os estreses abióticos como é o caso das elevadas temperaturas ou a seca, e bióticos como certas enfermidades fúnxicas. Ademais, o proxecto contempla a necesidade de fornecer a xente que vive da agricultura coa información necesaria para aplicar os bioestimulantes correctamente e obter os resultados desexados.

Por unha banda, o proxecto afonda nos parámetros relacionados coa aplicación dos estimulantes. Isto inclúe todo o relacionado coa dose adecuada (mínima, máxima), o seu método de aplicación (rega, inmersión), ou a frecuencia (diaria, días alternos, semanal), entre outros aspectos. Tamén inclúe determinar o tipo de ensaio (condicións de laboratorio, condicións controladas de invernadoiro, ou condicións de campo), o efecto na planta (tamaño e/ou peso de raíz, follas, ou froitos, estado fotosintético), e o momento máis adecuado (xerminación, crecemento, desenvolvemento de froitos).

Doutra banda, é necesario esclarecer as especies agronómicas que poden beneficiarse da súa aplicación. BIO_MARTERRA avalía o efecto dos estimulantes en especies de interese comercial, como a leituga, tomate, pemento, pataca e a vide; ecotipos locais como a leituga de Feáns, o tomate negro de Santiago e a pataca da Limia; e cultivos ecolóxicos de pataca Kennebec e tomate.

Primeiras achegas 

Os resultados preliminares son prometedores en canto á tolerancia fronte á tensión abiótica na xerminación e crecemento do berro, a col chinesa e a leituga. De feito, un dos prototipos resultou particularmente interesante en determinados ensaios fronte á tensión salina xa que conseguiu un incremento do crecemento total (raíz e talo) do 81% fronte ao control sen bioestimulante. Ensaios similares fronte á seca e a calor lograron ata un crecemento total do 54% e 28%, respectivamente.

O equipo investigador pon o foco en que os bioestimulantes poden axudar a mellorar o rendemento económico xa que non só contribúen a reducir o gasto en insumos químicos e mellorar a produción, senón que tamén poden permitir o acceso a mercados en expansión e mellor remunerados como o dos produtos ecolóxicos. BIO_MARTERRA está financiado polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 80% co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027, con fondos propios da Xunta de Galicia e con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2024.