Ir o contido principal
STG

O Campus Terra activa a transferencia de coñecemento a través dos resultados de seis novos proxectos no eido agroalimentario e forestal

Elvira López Mosquera puxo o foco no feito de que o Campus factura unha media de catro millóns ao ano en convenios e contratos para investigar e innovar
Elvira López Mosquera puxo o foco no feito de que o Campus factura unha media de catro millóns ao ano en convenios e contratos para investigar e innovar
A delegada do reitor para este campus de especialización, Elvira López Mosquera, destacou na xornada de presentación de resultados que este programa de activación pretende “dar resposta a demandas que sexan relevantes para a sociedade”
Lugo

O persoal investigador responsable dos proxectos financiados ao abeiro do Programa de Activación á Transferencia de Coñecemento no Campus Terra da USC presentaron este martes 24 os resultados das súas respectivas investigacións no transcurso dunha xuntanza que se desenvolveu no Edificio Cactus do Campus de Lugo. Trátase dun total de seis investigacións que recibiron, cada unha delas, un apoio máximo de ata 15.000 euros, e que se enmarcan nas liñas de traballo deste campus de especialización que ten como obxectivo fomentar os principios de igualdade, sustentabilidade, respecto ao medio ambiente e cooperación, alén de desenvolver o tecido produtivo da contorna, transferindo á sociedade o coñecemento xerado mediante a colaboración entre empresas e institucións.

A delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, deu a benvida ao persoal investigador asistente lembrando que “temos a sorte de estar nun Campus que ten moi bo nivel de transferencia”, circunstancia que xa en 2021 foi destacada polo Comité de Avaliación do Campus Terra. “Temos un Campus moi especializado, con titulacións moi aplicadas e cunha alta taxa de empregabilidade, no que dende hai moitos anos realízanse numerosos contratos e convenios con empresas e administracións públicas”, destacou. Neste senso, López Mosquera puxo o foco no feito de que o Campus factura unha media de catro millóns ao ano en convenios e contratos para investigar e innovar. Neste senso, a primeira edición do Programa de Activación á Transferencia de Coñecemento no Campus Terra da USC trata precisamente de “dar resposta a demandas que sexan relevantes para a sociedade”.  

Proxectos financiados

O catedrático na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) e investigador do grupo Proxectos e Planificación (PROEPLA), Manuel Francisco Marey Pérez, lidera ‘Modelo de resposta temperá a lumes forestais mediante intelixencia artificial’, un proxecto baseado na aplicación de técnicas de Intelixencia artificial, machine learning e deep learning na modelización dos incendios forestais. A creación dunha nova fórmula infantil optimizada con base no leite A2 é a base sobre a que se asenta a investigación dirixida pola catedrática na Facultade de Ciencias, Cristina Fente Sampayo, do grupo Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (LHICA).

O proxecto presentado por Marta Inés Miranda Castañón, catedrática na Facultade de Veterinaria e pertencente ao grupo Investigación en Medicina Animal (IMedA), céntrase no diagnóstico da hipocalcemia subclínica “a pé de vaca” de forma sinxela e barata, utilizando pequenas cantidades de soro sanguíneo. Pola súa parte, a profesora da EPSE e investigadora do grupo Viticultura e sanidade vexetal, Cristina Cabaleiro Sobrino, é a coordinadora de ‘Técnicas de inoculación do millo tradicional para obter Huitlacoche galego’, un alimento popular en México en preparacións tradicionais que empeza a ser considerado en Europa e Norteamérica como unha “delicatessen” á que chaman a “trufa do millo”. O reto deste proxecto é acadar huitlacoche en Galicia, con inoculo local e sobre variedades de millo tradicionais.

Rodrigo Muiño Otero, profesor da Facultade de Veterinaria e investigador do grupo Metabolismo e patoloxía animal, optou polo desenvolvemento dun dispositivo térmico de monitorización do estrés por calor e impacto económico sobre as explotacións gandeiras; mentres que ‘Test dixital de memoria Ludus (Lucus)’ de Sonia María Valladares Rodríguez, docente na EPSE e investigadora do grupo de Sistemas Intelixentes, botou man da IA para abordar, neste caso, o diagnóstico precoz da demencia.

Programa

O Programa de Activación á Transferencia de Coñecemento no Campus Terra da USC ofrece ferramentas de valorización para que a investigación xerada nos grupos de investigacións afíns aos eixos de especialización do propio campus, sexa orientada e posúa máis potencial para a súa transferencia a empresas e entidades públicas. A convocatoria dirixiuse a proxectos que necesitasen un proceso de validación técnica que lles permitise acceder a niveis de madurez tecnolóxica avanzada e acometer así novas probas de concepto ou escalado. De feito, entre os criterios de elixibilidade atopábase a existencia dunha oportunidade de aplicación económica ou social dese novo coñecemento.

Os proxectos contaron dende o primeiro momento co acompañamento e asesoramento do persoal técnico do Campus Terra e da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) para contribuír a unha adecuada orientación das candidaturas.
 

Persoal técnico e investigador asistente ao acto
Persoal técnico e investigador asistente ao acto
Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.09.2024.