Tres grupos operativos supra-autonómicos coa participación da USC darán pulo á produtividade e sustentabilidade agrícolas
A USC participa en tres proxectos que se desenvolven ao abeiro da convocatoria de axudas para a execución de proxectos de innovación de interese xeral por grupos operativos supra-autonómicos da Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas (AEI-Agri), no marco do Plan Estratéxico da PAC de España (PEPAC) 2023-2027. Trátase de CLIMALACT que busca dinamizar o sector lácteo en Galicia e Asturias, Ash4Soil que pretende conseguir unha mellora na calidade dos solos ácidos, e PRERIVID que procura solucións innovadoras para o eido vitivinícola.
CLIMALACT
O grupo operativo CLIMALACT pretende desenvolver unha marca de sustentabilidade e neutralidade climática, referida ao sistema de produción de leite asturiano e galego. Dita marca vai ter en conta a análise conxunta da granxa e a cadea de valor, de modo que se seleccionen as mellores prácticas existentes, avaliando o seu impacto no tecido produtivo e no medio ambiente e o medio rural. Para iso analizaranse distintos tipos de granxas (intensivas, semi intensivas, semi-extensivas e extensivas) e cadeas de valor (circuítos curtos, estatais e internacionais).
Para levar a cabo esta iniciativa creouse un equipo interdisciplinario coordinado pola Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), e na que participan tamén como socios os produtores Campoastur productos y Servicios S. Coop. Astur. e a Corporación Alimentaria Peñasanta S.A. (CAPSA), así como a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e a Asociación Intereo, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela a través do Grupo de Sistemas Agroforestais e Agroecoloxía do Campus Terra.
Ash4Soil
O grupo operativo Ash4Soil pretende, pola súa parte, avaliar os beneficios, en canto a rendemento agrícola e forestal, mediante o emprego dun emendante-fertilizante para solos acedos elaborado a partir de cinzas procedentes da queima de subprodutos forestais en combinación cun fertilizante orgánico de calidade elaborado a partir de xurros obtidos de explotacións gandeiras de Galicia, Estremadura e Castela e León.
Para conseguir este obxectivo conformouse un equipo, de novo coordinado por FEUGA, e no que participan como socios Greenalia, Álvaro Rodríguez Eiras, S.L.U (ARESA), Agrobarcenilla S.L., Sociedad Cooperativa Galega A Carqueixa, SELGA, Compañía Galega de Silvicultores, S.L. e Almacenes Boina S.L., xunto co grupo de Grupo de Sistemas Agroforestais e Agroecoloxía do Campus Terra.
PRERIVID
O Campus Terra da USC achegará solucións innovadoras ao sector vitivinícola mediante o desenvolvemento dunha ferramenta de rega de precisión que integre datos “a pé de parcela” a través do grupo operativo PRERIVID, do que é coordinador técnico. Actualmente, existen diversas ferramentas para a programación da rega, pero todas presentan limitacións: ou ben non teñen en conta todos os parámetros relevantes para estimar as necesidades de auga; ou ben utilizan datos “media”, que non reflicten a situación real de viñedos con necesidades de rega.
Para levar a cabo esta iniciativa, creouse un equipo interdisciplinario coordinado por FEUGA no que tamén participan como socios a Universidade de Santiago de Compostela, a través do Grupo de Proxectos e Planificación da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo; bodegas Quinta Couselo, Quinta Sardonia, Bodegas Enguera, a compañía tecnolóxica Monet Tecnología e Innovación S.L., o Instituto Tecnolóxico Agrario de Castela e León (ITACYL), a través do grupo de viticultura; o Centro sobre Investigaciones sobre Desertificación-CIDE (CSIC, Universitat de València e Generalitat Valenciana), a través do grupo ‘Agua y Cultivos’, e o Instituto de Ciencias de la Vid y del Vino-ICVV (CSIC, Universidad de La Rioja, e Gobierno da Rioxa) a través do Grupo MedWineQuality.