Ir o contido principal
STG

O millo galego, chave para a produción de alimentos gourmet na alta cociña europea

As bugallas das mazarocas afectadas, cando se colleitan no momento óptimo, son comestibles
As bugallas das mazarocas afectadas, cando se colleitan no momento óptimo, son comestibles
Un proxecto do Campus Terra da USC está a testar a produción de huitlacoche, un alimento tradicional mexicano, a partir da inoculación dun fungo en mazarocas galegas que servirían para fornecer a cociña de autoría
Lugo

Chámanlle a “trufa do millo” ou o “ouro negro”. O huitlacoche é un alimento popular en México en preparacións tradicionais dentro de tortillas que, nos últimos tempos, estase a converter nunha auténtica delicatessen en Europa e Norteamérica. A súa orixe é o Ustilago maydis, un fungo patóxeno. As bugallas das mazarocas afectadas, cando se colleitan no momento óptimo, son comestibles, moi prezadas en México e un excelente alimento consumido en combinación co millo. Agora, un equipo do Campus Terra da USC, liderado pola profesora Cristina Cabaleiro Sobrino, traballa para producir huitlacoche a partir do millo galego. “Este é un cultivo tradicional na nosa agricultura, polo que contamos coa maquinaria e o saber facer indispensable”, destaca a profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo. Deste xeito, o reto consiste en converter a produción de millo autóctona en fonte de recursos para a popularmente coñecida como “cociña de autoría”.

Da colleita do huitlacoche natural nos cultivos, en México e Estados Unidos, estase a pasar á produción por inoculación controlada do fungo nas mazarocas para asegurar a produción e mellorar a calidade. A meta do equipo da EPSE consiste, polo tanto, en facilitar que se produza huitlacoche en Galicia, con inóculo local e sobre variedades de millo tradicionais. De feito, en Europa non se comercializa huitlacoche fresco ou envasado de orixe local. “Tras o éxito das probas en plántula e invernadoiro, a inoculación de millo corvo na parcela experimental da EPSE deu a primeira colleita de huitlacoche de excelente calidade, pero   é preciso coñecer ben o comportamento do inóculo en ambientes diversos e atopar a mellor combinación de fungo e variedade de millo”, explica a profesora Cabaleiro.

Diversificar a produción 

A cociña de autoría está a incorporar o huitlacoche como produto novidoso en preparacións diferentes, explotando todo o seu potencial de sabor e aroma. “Dada a situación de crise permanente da produción de carne e leite, resulta interesante diversificar os destinos para a produción de millo” xa que, tal e como salienta Cristina Cabaleiro, nestes momentos “o huitlacoche é un produto exótico, de gourmet, que non existe fresco no mercado europeo e que segundo as catas realizadas por cociñeiros e cociñeiras lucenses e mexicanas ten un grande potencial na cociña de autoría en múltiples preparacións”.

O equipo investigador traballou nos últimos meses nunha ampla colección de illados de Ustilago maydis caracterizados a nivel microbiolóxico e molecular e avaliados a nivel biolóxico para virulencia en condicións controladas. Os resultados obtidos grazas ao financiamento obtido ao abeiro do Programa de Activación á Transferencia de Coñecemento no Campus Terra da USC, son prometedores. De feito, a finalidade inicial eran só as probas en laboratorio e semi-campo, pero a prórroga do proxecto permitiu acadar xa este verán unha produción de huitlacoche en campo utilizando varias combinacións de illados de Ustilago maydis. Isto permite ter confianza en que a continuación do traballo dea lugar a unha produción novidosa que incluiría un servizo de produción de inóculo, venta, inoculación, colleita e comercialización.

“Un bo inóculo que garanta a formación de bugallas de bo tamaño e calidade é a clave para a rendibilidade do negocio”, destaca Cristina Cabaleiro, quen  subliña que está investigación posúe tamén potencial para a horticultura ecolóxica produtora de millo, de variedades tradicionais para alimentación familiar e de pequenas explotacións gandeiras. De feito, pode ser un produto alternativo e incluso compatible coa produción de gran, inoculando tan só unha parte das espigas. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.09.2024.