UXAFORES optimiza a rendibilidade das comunidades de montes no marco do Laboratorio Ecosocial do Barbanza
A Unidade de xestión ambiental e forestal sostible da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC (UXAFORES) realizou unha intensa recollida e análise da fertilidade física, química e biolóxica dos solos en diferentes puntos das comunidades de montes de Rianxo, no marco do proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Esta actuación ten como obxectivos a mellora da fertilidade dos solos mediante emendas baseadas en residuos ou subprodutos abundantes na zona, así como o incremento dos stocks de carbono e biodiversidade nas comunidades de montes de Rianxo. Nesta actuación participan a Plataforma pola Defensa do Monte e a Comunidade de Montes de Baroña, como entidade socia e colaboradora, respectivamente, do Laboratorio.
Segundo Esperanza Álvarez, catedrática do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola no Campus de Lugo e coordinadora do grupo UXAFORES do Campus Terra, “a mellora da xestión forestal dos montes é outro dos retos clave; con este traballo buscamos optimizar a sustentabilidade e a rendibilidade das comunidades de montes”. Ao longo deste ano, dende UXAFORES realizouse unha intensa recollida en diferentes puntos de Leiro, Taragoña, Isorna, Ferreira-Campelo, Paradelo e Araño, así como en Baroña. Esta acción conta cun financiamento de máis de 200.000 euros da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO).
Recollida de mostras
Nos montes destas comunidades, tomáronse mostras de solos en parcelas situadas nas partes altas, medias ladeiras e zonas baixas. En cada unha destas zonas, seleccionáronse parcelas segundo diversos criterios, como a vexetación presente (diferenciando entre piñeirais, eucaliptais, frondosas e matogueiras), idade das masas forestais (plantacións novas ou adultas), tipo de xestión (sen xestión ou con algún tipo de xestión) e grao de afectación por incendios (non afectadas, queimadas nos últimos dous anos, entre tres e dez anos, ou hai máis de dez anos).
Tamén se recolleron mostras en parcelas nas que as comunidades de montes aplicaron xestións específicas para evitar incendios e buscar usos alternativos do monte: introdución de gando, eliminación de acacias, e eliminación de eucaliptos. En todas as mostras de solos analízanse propiedades físicas, químicas e biolóxicas, como a capacidade de intercambio catiónico, profundidade, textura, humidade, densidade aparente, contido de materia orgánica, pH, nutrientes dispoñibles e actividade microbiana, entre outros.
Unha vez coñecida a fertilidade dos solos, a seguinte fase consistirá na aplicación de emendas a partir de residuos de distintas orixes: forestais (restos de corta e serradura), agrícolas (esterco), alimentarias (cunchas de mexillón) e mesmo algas.
A partir dos resultados, e tendo en conta o estado nutricional dos solos, deseñaranse diferentes tratamentos que se aplicarán en parcelas experimentais con maiores problemas de fertilidade. Primeiro realizarase un ensaio en macetas para avaliar o comportamento dos residuos de forma individual e en mesturas. Posteriormente, estes tratamentos aplicaranse no monte, dispoñendo catro parcelas para cada tratamento. Pasados seis e doce meses, realizaranse novas mostras de solo e un inventario da vexetación para avaliar a eficacia dos tratamentos.
“A participación activa das comunidades locais na xestión dos recursos naturais é crucial para o éxito a longo prazo”, sinala Ana Barreiro, docente investigadora integrante do grupo UXAFORES. Mostra disto foi a xornada celebrada o pasado 19 de novembro no CEP Xosé María Brea Segade de Rianxo, onde o equipo científico de Edafoloxía ofreceu unha charla ao estudantado sobre os traballos realizados nos montes da súa contorna.