Ir o contido principal
STG

Vicente Blanco Mosquera: «A arte e a educación son pensamento crítico»

Vicente Blanco forma parte do grupo de investigación Edunartex
Vicente Blanco forma parte do grupo de investigación Edunartex
Doutor en Belas Artes, Vicente Blanco Mosquera compaxina a súa vocación artística coa docencia no Máster Universitario en Dirección de Actividades Educativas na Natureza do Campus Terra

A terra na que vivimos forxa a nosa identidade. Somos o que somos grazas á nosa contorna, as nosas tradicións, os nosos oficios, a nosa lingua, as nosas lendas. Un patrimonio tan rico como, a día de hoxe, ameazado. E Vicente Blanco Mosquera teno claro: unha mirada crítica e reflexiva é fundamental para saber valorar e coidar esta diversidade.
El, pola súa banda, achega o seu gran de area a través das súas dúas paixóns: a arte e a docencia.

Vicente Blanco licenciouse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra no ano 1997. Especializado en Escultura, continuou formándose en varios talleres no País Vasco ata que, no 2012, converteuse en doutor en Belas Artes pola Universidade de Granada. A súa contorna rural e a construción da identidade son dous dos temas máis recorrentes na súa produción artística, expresados mediante debuxos, murais ou vídeos.

Cando non está inmerso no estudo, é moi probable que se ache dentro dunha aula. Recentemente cumpriu vinte anos no Campus Terra, onde exerce como profesor no Máster Universitario en Dirección de Actividades Educativas na Natureza da Universidade de Santiago e nos Graos de Mestre en Educación Infantil e Mestre en Educación Primaria.

Alí encárgase de formar esas miradas críticas, que serán cada vez máis necesarias para protexer a biodiversidade.
Conversar con el é todo un privilexio. Non só porque axuda a comprender o valor das humanidades nun campus cunha pegada eminentemente científica, senón tamén porque permite facerse unha medida da gran importancia da educación estética para o coidado da contorna.

-Licenciouse na facultade de Belas Artes de Pontevedra e continuou a súa formación en cidades como San Sebastián, Bilbao, Los Ángeles ou Granada. Que supuxo para vostede vir a Lugo?

-Lugo foi a miña entrada profesional no mundo académico. Aterrei no 2002 e empecei a traballar na facultade de Formación do Profesorado, na área de Didáctica da Expresión Plástica.

O que me fascina de Lugo é que é unha cidade localizada nunha reserva da biosfera, que moita xente non é consciente diso. A min o que me atrapou de aquí foi a natureza. Eu agora estou vivindo no rural, a dez minutos de Lugo. É o meu estudo, onde traballo tamén cuestións artísticas. Realmente Lugo é unha localización privilexiada.

O Campus Terra foi collendo máis relevancia a medida que eu empecei a vivir aquí. Os másteres sempre te conectan máis co territorio, que é algo moi importante tamén para a educación das persoas. Paulo Freire dicía que un faise cidadán do mundo desde o local cara ao universal. Tamén e certo que desde que estou aquí perdeuse bastante biodiversidade por mor, entre outros factores da eucaliptización do territorio. Son cuestións das que como educadores temos que estar pendentes para valorar a contorna na que vivimos.

-Forma parte do grupo de investigación Edunartex, centrado na educación, a natureza, o arte e o excursionismo. A primeira vista, podería parecer que non hai un match natural entre algunhas destas áreas. Como casan estes catro mundos?

-É moi doado. A arte é pensamento crítico, sempre o digo. A arte é aquelo que nos ensina a pensar e ver o mundo de forma crítica, que se afasta dos relatos únicos, que nos ofrece outras miradas. E educar é o mesmo: fomentar esa mirada reflexiva sobre o mundo no que vivimos. A arte e a educación son pensamento crítico.

Esta mirada tamén a levamos á natureza. Nós traballamos moito co que chamamos educación cívica en biodiversidade, que ten que ver cunha actitude de coidado e de activismo cara a contornona.

É unha cuestión de educación estética. A estética ten que ver con valorar a diversidade, con valorar a diferenza. Unha persoa educada esteticamente é unha persoa capaz de apreciar a riqueza de calidades do mundo que lle rodea e, polo tanto, incorporar unha actitude de coidados cara esa contorna. Por iso va moi ligado ao activismo. A arte, a educación e a natureza para min son un posicionamento de coidado ante o mundo, que agora mesmo é urxente.

-Ademais de fomentar o pensamento crítico, a arte e a educación tamén son claves para ollar á contorna coa necesidade de coidala e, ao mesmo tempo, para rebelarse contra as agresións.

-Claro, no mundo rural estamos vivindo unha perda de diversidade natural, de oficios, de lendas, de tradicións ou de lingua, que teñen unha riqueza enorme. Nós traballamos desde esa perspectiva: valorando e poñendo en valor os saberes e os faceres do contexto desde o coidado para crear un sentido de pertenza e para establecer relacións de querencia co lugar.

Temos tamén un proxecto coas escolas: o Laboratorio de Formación Rural, onde poñemos en práctica cos nenos e nenas das escolas rurais esas cuestións. E tamén para afastarse un pouco da estandarización, que pode ser un dos males desta era. Hai una tendencia do mundo a estandarizalo todo, pero o que é distinto ten valor e forma parte da nosa historia.

Nos chamámoslles estereotipos. O estereotipo é o principal problema ao que nos enfrontamos desde a nosa área. Lóitase contra esa uniformidade cunha educación estética. Vivimos nun mundo hiperconectado pero paradoxalmente o gusto e a estética estanse uniformando dunha forma moi clara.

-Ten sentido: o mainsteam é máis doado de propagar que nunca por estar máis hiperconectados que nunca. Non estamos utilizando a hiperconexión para xerar pensamento crítico, senón para estandarizar.

-Por iso a educación artística é máis importante que nunca. Os discursos de odio xurden precisamente porque non se están escoitando outras voces, soamente as maioritarias e privilexiadas. Eses discursos combátese con cultura. Hai que reivindicar a importancia da educación artística nas primeiras etapas, incluso na propia universidade.

-Vós axudades a construír o mundo. Os estudos que se imparten neste máster ensinan a xente a construír o mundo e a ter esa sensibilidade para ver máis aló dos estereotipos, da uniformidade e do mainstream.

-Si, Pero ten que haber tamén unha aposta desde as administracións e as institucións para valorar a importancia da educación artística.

No Campus Terra hai dúas miradas que se deben complementar: a científica e a humanística. O pensamento científico-técnico serve para explicar o mundo e o pensamento humanista serve para explicarnos a nós nese mundo. Se non temos os dous pensamentos equilibrados prodúcese un desaxuste. É por iso importante que nun campus científico haxa outras voces que reivindiquen esa mirada humanista.

-O Máster Universitario en Dirección de Actividades Educativas na Natureza potencia as accións educativas que teñen lugar nas contornas rurais e naturais. Que accións concretas axudan a conseguir estes obxectivos?

-Nós facemos excursións á contorna para valorar a paisaxe, as arquitecturas tradicionais, a lingua, as palabras que se empregan nos diferentes lugares, os oficios... Nós vimos do mundo do facer: eu aprendín a aprender facendo a través da experiencia. Algo que, as veces, na educación non se ten en conta.

Para nós é moi importante esa mirada de activismo. Difundimos a lingua, traballamos co barro, poñemos en valor os oficios e as arquitecturas... Cada ano facemos propostas diferentes. Este ano tamén traballamos coa alimentación. Como había alumnado estranxeiro, probamos comidas do mundo para compartir.

En definitiva, propostas para valorar a diversidade da natureza e da contorna na que vivimos.

Vista dun bosque na montaña lucense
Conciliar disfrute e coidado da natureza é un dos retos desta era

-A pandemia marcou un punto de inflexión e serviu, en certo modo, para apreciar novamente a importancia dos espazos abertos e da natureza. Cre que este tipo de pensamento experimentará un auxe nos próximos anos?

-Coa pandemia púxose en valor a natureza, o que é importante e moi valioso. Pero tamén é certo que debemos achegarnos a natureza de forma respectuosa. Non se pode converter todo de repente nun parque temático. Creo que debemos atopar un equilibrio, desfrutando da natureza sendo respectuosos con ela.

A nivel da infancia, desde as escolas agora estase a incidir máis na importancia dos patios, que teñan elementos naturais e que sexan un espazo de lecer. Empézase a pensar no aire libre como un espazo para o discorrer do día a día da aula, non só para a hora do recreo.

Nisto en España tiñamos unha tradición importante: as escolas-bosques ou o Instituto Libre de Ensino, que xa fai cen anos facía excursionismo coa infancia. É moi valioso recuperar iso, pero sempre cun pensamento formado.

-Un dos retos desta era pasa por coidar o planeta: cada vez hai más xente aliñada con este obxectivo. Neste contexto, van a ser necesarios os profesionais especializados nestas áreas que saiban coidar os espazos naturais? E que competencias deberían adquirir?

-Hai que ensinar a observar, non soamente ver. Ensinar a observar é coidar, como dicía antes. É necesario traballar e desenvolver unha sensibilidade estética cara o contorno e cara a vida. Eu creo que isto é imprescindible para que continúe a vida.

Todo depende de como se constrúa a cidadanía. Por iso creo que é importante o noso labor: educar civicamente en biodiversidade. É a cidadanía quen ten que esixir espazos de calidade ao servicio das persoas e da natureza, non unicamente ao servizo da especulación. Aí ten que haber un equilibrio.

É un traballo moi importante, moi necesario e moi duro, porque ten que haber un acompañamento das administracións e porque hai que xerar esa cidadanía. Sen ese acompañamento hai unha carencia de educación estética que repercute na nosa contorna.

-Tamén é importante educar desde moi pronto as novas xeracións nestes conceptos.

-Hai un artista, Bruno Munari, que traballaba coa infancia e dicía que se sabe o futuro da sociedade mirando á infancia, porque a infancia é o futuro. É necesario traballar estas cuestións se queremos outra mirada sobre a natureza.

Vivimos nun sistema económico, que é o neoliberalismo, que moldea tamén o noso pensamento, moitas veces de forma inconsciente. A mirada que ten sobre a natureza é de depredación. Fronte a isto temos que crear outras formas de relacionarnos con ela. Non queda outra. É urxente, pero non sei se é convinte para o propio sistema que quere perpetuarse. Sempre vai haber esta loita. É máis complexo do que parece.

-O voso mundo é plenamente físico, pero hai outra derivada: a tecnoloxía. Vanse integrar os sistemas físicos cos tecnolóxicos?

-Eu creo que o físico é moi importante e que cada vez vai selo máis. A escola tradicional separou a mente do corpo. A escola tradicional é unha escola prinicipalmente memorística, pero nós aprendemos tamén co corpo. Como seres vivos estamos deseñados para pensar a través dos sentidos: a vista, a pel, o tacto... A man é unha tecnoloxía de millóns de anos de evolución.

Nós, desde o colectivo escola imaxinada, levamos a cabo talleres coa infancia, de 3 a 12 anos. Recuperar o corpo que pensa creo que vai ser cada vez máis necesario. Póñoche un exemplo. Para as novas tecnoloxías, como a IA, é moi doado xerar textos, pero as habilidades motoras como manterse en equilibrio ou atar un cordón, requiren dun maior esforzo computacional, porque son accións que levaron millóns de anos de evolución.

A escola ten que devolver o corpo á infancia, para pensar a través do corpo. Creo que ata os 7 anos as novas tecnoloxías deberían estar fóra da aula, para despois convivir de maneira equilibrada.

Cada vez chámannos máis escolas porque os mestres están reivindicando isto. Ti sabes o desfrute que é para un rapaz ou unha rapaza traballar coa técnica de frotar unha superficie de papel ou cortar coas mans? Cando o facemos, pensamos, experimentamos, descubrimos...

-Hai voces moi autorizadas no mundo da IA que están dicindo que o único que nos vai distinguir nos próximos anos vai ser a capacidade de ser creativos.

-A creatividade forma parte da nosa condición humana e debería ser un dereito para todas as persoas, especialmente na infancia. É aquilo que nos permite xerar ideas e resolver situacións a partir das problemáticas que nos imos atopando ao logo da vida. A creatividade empeza co máis básico. Un lapis é tamén unha tecnoloxía. Podes ser creativo co mínimo, con dúas follas que atopas por aí. Iso é o que se ten que traballar na infancia.

-A súa investigación no ámbito académico centrase precisamente na creatividade.

-Si. A nosa investigación educativa centrase nos procesos creativos e a súa incorporación metodolóxica coa infancia na escola. E un privilexio que neste campus, na área de plástica os tres profesores nos dediquemos activamente ao mundo da creación: Salvador Cidrás é artista e Estella Freire arquitecta. Non é moi habitual que nas facultades de formación de profesorado haxa este perfil . Isto fai que a nosa mirada se centre precisamente na creatividade, desde un compromiso moi forte que temos os tres coa educación en infantil e primaria.

Ata o momento levamos investigado sobre o que denominamos escenarios de acción que permitan aos nenos e nenas formas de creación a través da experiencia e o facer. Isto levounos a desenvolver diferentes principios para o seu deseño, así como parámetros de observación da creatividade.

Na actualidade acuñamos o termo Pedagoxía Creativa do Lugar, precisamente para desenvolver talleres coa infancia traballando desde os imaxinarios de proximidade, poñendo, neste caso, énfase no mundo rural. Isto levounos tamén ao deseño de material específico para a infancia e mobiliario que permita o movemento e outras disposiciois espaciais en función das necesidades de cada taller.

En definitiva, estamos a desenvolver una pedagoxía da creatividade que parte da nosa contorna e das problemáticas que nela se atopan.

-A nivel artístico, as súas obras expuxéronse non solo en España, senón tamén en Portugal, París, Berlín, Tokio, Los Ángeles, Nova York... Cales son os temas máis recorrentes na súa obra?

-A técnica e o medio co que traballo é principalmente o debuxo. Sempre foi a base da miña investigación artística. Na actualidade estou traballando con debuxos de gran formato realizados con lapis de cores e acuarela sobre lienzo.

Os temas teñen moito que ver con cuestións en torno á construcción da identidade masculina, e o mundo no rural no que vivo. Eu construín a miña identidade desde as marxes, desde o cuestionamento dos estereotipos, que falabamos antes. Iso fai que a aproximación á miña contorna sexa desde a mirada dos colectivos invisibilizados, colonizados ou explotados, como a natureza e os animais, polo que hai unha simbiose ou unha presenza recorrente en toda a miña obra. O meu traballo actual está moi marcado polo entorno rural no que vivo, pero hai outras experiencias que se van acumulando.

Son narrativas abertas a partir de elementos da miña contorna, da flora, da fauna ou de experiencias que vou incorporando, tanto reais como imaxinarias. A finalidade é crear narrativas abertas ao espectador para que constrúa a súa propia historia, a súa propia mirada sobre os debuxos incorporando a súa bagaxe.

-É necesario ter determinadas referencias para comprendelos ou pode un debuxo inspirado na súa contorna entenderse en Nova York ou Pequín?

-Hai que ter é unha educación estética. Para que a xente valore o meu traballo ou o doutros artistas contemporáneos ten que ter unha base de referencia, e require certa aprendizaxe que xeralmente non a temos –en España non hai especialistas de educación artística en infantil e primaria–. Hai un rexeitamento bastante xeralizado da arte actual que ven precisamente dese descoñecemento que perpetúa ideas estereotipadas sobre a arte ou os artistas.

-Para rematar, considérase un artista de berce ou a súa sensibilidade artística foi aparecendo co tempo?

-Eu creo que sempre tiven ese interese pola creación. O debuxo foi para min moi importante, desde pequeno. Pero é certo que tamén é moi importante a formación despois. Formeime en Belas Artes e eduqueime en diferentes sitios, enriquecendo e ampliando a mirada. Iso cambiou a miña perspectiva sobre que é a arte: non é a mesma cando tiña 18 anos que na actualidade.

A educación abre portas que dan acceso a outras sensibilidades e outros coñecementos. É moi importante a paixón, pero tamén a curiosidade para seguir aprendendo sempre.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2024.