María Isabel González Rey, decana da Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC: "A formación semipresencial traslada a universidade á túa casa".
As empresas téñeno claro: os profesionais mellor formados no eido das Humanidades e Ciencias Sociais proveñen da Universidade de Santiago de Compostela. Son datos do II Informe Universidade-Empresa elaborado pola Fundación Everis e no que se realizaron entrevistas a máis de 2000 responsables de contratación doutras tantas empresas no conxunto do Estado español. Con todo, no caso do Campus Terra da USC, os bos resultados posúen un valor engadido: o grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural que se imparte na Facultade de Humanidades do Campus Terra pode cursarse mediante a modalidade semipresencial, ou o que é o mesmo, os alumnos poden ir ás clases que queiran, e cando queiran, xa que dispoñen de todos os recursos didácticos de forma online e en formato multimedia. A decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, explícanos en que consiste esta modalidade de docencia que cada vez está a acadar maior aceptación entre o alumnado pola súa flexibilidade.
Campus Terra (C.T.): María Isabel, ¿en que consiste exactamente a modalidade semipresencial?
Isabel González (I.G.): Moitos alumnos pensan que a modalidade semipresencial significa que estás obrigado a asistir a un número mínimo de clases pero isto non é certo. A modalidade semipresencial significa que tes as clases á túa disposición, podes acudir a elas, se así o desexas, pero non estás obrigado a asistir a un número mínimo de horas. Por iso, podemos dicir que somos moito máis que o que se entende como formación online ou formación a distancia. Por unha banda, a través da plataforma Moodle, os alumnos poden acceder a todo o material que se imparte nas aulas, de feito, moitos profesores gravan as clases e despois cólganas na rede para que os alumnos as podan visualizar nas súas casas; pero, por outra, se o alumno o estima oportuno, pode acudir, de forma presencial, cando lle apeteza. Podemos dicir que a formación semipresencial traslada a universidade á túa casa.
C.T.: ¿Por que cres que os empregadores valoran tan positivamente a formación en Humanidades que se imparte na USC?
I.G.: A Facultade de Humanidades presta aos alumnos e alumnas unha atención personalizada, non só pola ratio alumno/profesor, senón por ser un centro pequeno, cun ambiente case familiar. A proximidade de trato dos profesores, a variedade das súas formacións (Arte, Filosofía, Antropoloxía, Filoloxía, Xornalismo, Psicoloxía, Socioloxía, Historia, Xeografía, etc.) dálle ao alumnado a oportunidade de achegarse a moitos campos do saber ao mesmo tempo, a interactuar con cada un deles e tamén entre eles. Desa proximidade e variedade nacen proxectos e actividades que van máis alá das aulas. Isto crea ligazóns persoais fortes, ademais de desenvolver ao máximo en cada rapaz e rapaza as súas capacidades cognitivas. O resultado de todo isto é unha formación totalmente integral, feita de coñecementos teóricos e prácticos que os fan sentirse preparados para a vida e para o traballo.
C.T.: No ránking da Fundación Everis, os empregadores destacan que os titulados da USC na área de Humanidades e Ciencias Sociais presentan unha gran capacidade de comunicación e resolución de problemas. ¿Por que somos mellores á hora de fomentar o desenvolvemento destas habilidades?
I.G.:. Este dato que aporta o ránking coincide con outro que nós xa tiñamos rexistrado: en Estados Unidos, a formación en Humanidades é indispensable e está moi ben valorada para entrar a formar parte do mundo empresarial. ¿Por que é así? Porque o saber humanístico resulta fundamental para relacionar feitos, ideas e pensamentos, e isto é importante á hora de traballar en equipos multidisciplinares.
O motivo reside no feito de que a formación en Humanidades é unha formación integral da persoa, que busca non só transmitirlle ao individuo coñecementos xerais (erudición) senón tamén en espertar nel o seu espíritu crítico (reflexión e cuestionamento das cousas), en proporcionarlle habilidades sociais e comunicativas (expresión). E os profesores da Facultade de Humanidades somos quen de conseguir todo isto nos nosos alumnos e alumnas porque as nosas aulas están orientadas cara a estes obxectivos: facemos que pensen, que cuestionen o que aprenden, que o apliquen, que o expresen, que o reformulen. Saen moi preparados porque o que saben, sábenon porque o teñen adquirido a través do debate, da práctica e da reflexión. E isto prepáraos para saber traballar logo en equipo, no mundo empresarial.