Ir o contido principal
STG

O Campus Terra da USC bota a andar en Lugo

El Campus Terra de la USC echa a andar en Lugo
El Campus Terra de la USC echa a andar en Lugo
O reitor da USC, Juan Viaño Rey, e o conselleiro conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron este mércores o convenio para o desenvolvemento do Plan de...
Lugo

O reitor da USC, Juan Viaño Rey, e o conselleiro conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron este mércores o convenio para o desenvolvemento do Plan de Actuación 2015-2016 do Campus Terra en Lugo, un proxecto de especialización a través do que a USC busca poñer en valor os recursos da terra e contribuír ao desenvolvemento do medio rural e social galego a través da realización de actividades docentes, de servizos e de I+D+i que ofrezan solucións e dean respostas ás necesidades e retos existentes, sinalou Viaño.

 

A posta en marcha do Plan de Actuación do Campus Terra, ao que a Xunta destina máis de 1.365.700 euros, ten como obxectivos a definición e organización das estruturas de goberno, a elaboración dos plans operativos que permitan definir con maior concreción futuras actuacións e a materialización de accións estratéxicas encamiñadas a facer do campus de Lugo un referente internacional en materia de investigación e innovación no eido forestal, así como da veterinaria, agricultura e gandería.

 

A produción sostible de alimentos, a seguridade alimentaria, a sanidade animal e vexetal, a xestión empresarial e o emprendemento no medio rural,  os recursos forestais, a planificación do territorio, o desenvolvemento rural e social ou a xestión do medio natural sostible son, entre outros, ámbitos temáticos do Campus Terra, indicou Viaño. O reitor da USC precisou asemade que o modelo de gobernanza do Campus Terra vai na liña dos Campus de Excelencia Internacional e contará, ademais de cunha comisión rectora, co asesoramento dunha comisión externa presidida polo director do Campus da Alimentación da Universidade de Barcelona, o catedrático Marius Rubiralta.

 

Tamén forman parte deste comité externo Enrique Quesada, coordinador do campus de excelencia internacional CeiA3 da Universidade de Córdoba; o director da oficina académica tecnolóxica da Universidade de Florida, Pedro S. Zazueta; o profesor do Royal Veterinary College da Universidade de Londres Francisco Javier Guitián, e José Luis Antuña, de Feiraco. Esta comisión tamén estará aberta á participación das administracións, tales como a Xunta de Galicia, Concello e Deputación de Lugo.

 

Excelencia, especialización e internacionalización son os outros dous obxectivos estratéxicos transversais do Campus Terra, salientou o reitor da USC. Viaño explicou que neste senso que a especialización a carón da Terra desde un enfoque multidisciplinar redundará en maiores cotas de calidade e competencia. A internacionalización promoverá a conformación dunha sede universitaria aberta ao mundo e reforzará así o perfil internacional da USC e a súa capacidade de actuar en resposta ás necesidades globais. Outro dos aspectos que impulsará o Campus Terra será a colaboración tanto a nivel interno como externo. No plano interno, a colaboración interdisciplinar nos ámbitos da docencia, investigación e servizos permitirá acadar metas máis ambiciosas, mentres que a colaboración externa promoverá a interación da USC cos sectores económicos e sociais, subliñou o reitor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.