Ir o contido principal
STG

O Campus Terra, pradeira para as vacas e as grandes investigacións

O Campus Terra, pradeira para as vacas e as grandes investigacións
O Campus Terra, pradeira para as vacas e as grandes investigacións
A Facultade de Veterinaria traballa nun programa pioneiro de selección xenómica na raza Rubia Galega
Lugo

Ao estudar o ADN do Campus Terra podemos observar que se atopa principalmente formado pola sostibilidade, a colaboración e a investigación. De feito, a suma desta última e o campo da xenómica é clave na formación dos xenes dun proxecto pioneiro no que participa o Campus de Lugo.

 

As vacas de raza Rubia Galega son as protagonistas do programa piloto no que están a traballar de xeito activo as persoas investigadoras da Facultade de Veterinaria da USC, en coordinación coa Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga).

 

Esta actuación representa un paso fundamental na incorporación desta raza autóctona aos estándares internacionais na aplicación de metodoloxías xenómicas orientadas a precisar os procesos de selección. Ao seu abeiro xenotipáronse 3.500 animais co chip Axyom, que inclúe 67.000 marcadores SNPs. En concreto, figuran 486 machos cunha descendencia superior a 50 xatos e 207 con máis de 10 e, no caso das femias analizadas, 754 delas contaban con máis de 5 crías.

 

Ao igual que as vacas camiñan xuntas, a colaboración é un dos aspectos que non faltan no ADN deste proxecto xa que, canda investigadores en Produción e Mellora Animal e de Xenética de Poboacións e Xenómica da USC, tamén participaron persoas expertas de xenotipado SNPs de Xenética Fontao e especialistas en Xenética Cuantitativa e Selección Xenómica da Universidade de Zaragoza.

 

Neste senso, é igualmente importante o financiamento recibido pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia mediante as convocatorias do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia (2014-2020).

 

A información obtida grazas á suma de todas as forzas implicadas posibilitou avaliar a estrutura xenética da Rubia Galega, así como a súa relación con outras razas de vacún de carne españolas. Igualmente, os traballos desenvolvidos permiten avanzar cara a un proceso de selección máis preciso que o actual e, ademais, incluír outros caracteres de interese vencellados á reprodución e ao benestar.

 

Non hai dúbidas de que, grazas a estas novas tecnoloxías e mais aos xenes do Campus Terra, este proxecto pioneiro ten por diante un camiño que deixará cun bo sabor de boca tanto ás vacas de Raza Rubia Galega como ás persoas gandeiras do sector.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.