O Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia aborda o futuro da profesión nunha xunta celebrada no Campus Terra da USC
O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia abordou este sábado algunhas das liñas estratéxicas e de futuro para a profesión no marco dunha xunta xeral desenvolvida no auditorio da Casa do Saber do Campus Terra da USC e que contou coa participación de varias decenas de colexiados, entre os que se figuran varios profesores e investigadores da USC e mesmo o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema.
O decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Pedro Calaza, foi o encargado de guiar esta sesión informativa e de debate, unha reunión que tamén serviu para a análise e posta ao día da situación económica e da actividade que está a desenvolver este órgano colexiado.
Daquela, os enxeñeiros agrónomos presentes nesta xunta xeral trataron, ademais de cuestións fiduciarias e de orzamentos, aspectos relativos á defensa da profesión, actividades estratéxicas anuais e formación. A análise e o debate sobre a situación actual do sector agrario en Galicia e as fortes relacións entre o enxeñeiro agrónomo e o enxeñeiro do rural foron outros dos temas tratados nesta xunta.
Como colofón desta xunta xeral, que volve celebrarse na capital luguesa logo de visitar en pasadas edicións as localidades de Viveiro, Guitiriz, Sarria ou, entre outras Ribadeo, o enxeñeiro agrónomo e director Xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, Ángel Pérez Dubois, ofreceu o relatorio, ‘Exposición e análise sectorial da Lei de Mellora da Estrutura Territorial de Galicia (Metaba)’.