Ir o contido principal
STG

Política de calidade

A Facultade de Ciencias coñece a importancia que ten a calidade no ensino superior para garantir programas formativos que dean resposta ás demandas de excelencia da súa contorna social, económica e cultural.

Tomando como referencia a política de calidade da USC, enmarcada dentro do despregamento do seu plan estratéxico, a Facultade elabora a súa política marcando como principal obxectivo o desenvolvemento de programas formativos que estean avalados por unha xestión de calidade como elemento clave e estratéxico para establecer un compromiso de máxima eficacia cos nosos grupos de interese.

A Facultade de Ciencias é unha institución pública dedicada á formación de profesionais capaces, competentes e comprometidos socialmente.

Procura a excelencia dunha forma dinámica en todas as funcións que desempeña como son a docencia, a xeración de coñecemento e a súa difusión a través da investigación desenvolvida no Centro, realizándoas de xeito socialmente responsable e integradas no entorno do Campus Terra, fundamentalmente nas áreas da Enxeñaría, Ciencias Básicas e Ciencias da Saúde.

Unha Facultade que ofrece unha formación universitaria de prestixio, con capacidade de adaptación para proporcionar profesionais demandados pola sociedade, dispoñendo dunha oferta completa de estudos nas que integra docencia e investigación.

Un Centro exemplar no deseño, planificación, organización e desenvolvemento dos estudos conducentes á obtención de títulos académicos oficiais que habiliten para o exercicio de profesións reguladas ou que capaciten para o exercicio de actividades especializadas que poidan enmarcarse nas diferentes liñas de especialización do Campus Terra.

Un Centro de referencia dentro dos estándares máis elevados de calidade da Unión Europea e con alta capacidade en investigación, que poida proxectar á Facultade e favorecer a internacionalización de todos os seus integrantes: alumnado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos.

Unha Facultade responsable, integrada co sector empresarial e acorde co motor socioeconómico, comprometida coa sustentabilidade e coa cooperación social, e ao mesmo tempo unha Facultade activa, viva, motivadora e emprendedora, con capacidade para evolucionar en función do entorno e cunha xestión áxil, eficiente e transparente.

  • Preservación e potenciación dos nosos propios sinais de identidade.
  • Respecto aos dereitos de todas as persoas e, en particular, do noso estudantado, das traballadoras e dos traballadores.
  • Procura permanente da excelencia en todas as actividades universitarias.
  • Compromiso coa transparencia, o rendemento de contas, a eficiencia e a eficacia na xestión dos recursos.
  • Compromiso cunha xestión baseada no diálogo, a participación, a confianza e a responsabilidade compartida.
  • Compromiso cun desenvolvemento sostible, coa equidade e coa eliminación de todo tipo de discriminacións.
  • Compromiso coa transferencia de coñecemento á sociedade como contribución ao desenvolvemento social e económico de Galicia.
  • Compromiso de servizo á sociedade.

A Facultade dirixe os seus esforzos cara á plena consecución da satisfacción das necesidades e expectativas de todos os seus grupos de interese e co fin de satisfacelos, comprométese a empregar todos os recursos técnicos, económicos e humanos á súa disposición; sempre dentro do estrito cumprimento dos requisitos legais aplicables, tanto a nivel autonómico como estatal e europeo.

Por todo iso, a Facultade adquire o firme compromiso de garantir a calidade nesta e establece a súa política baixo estes principios

  • Responsabilidade: proporcionar unha formación dirixida cara á excelencia garantindo unha oferta académica acorde coas necesidades e expectativas dos nosos usuarios e da sociedade en xeral.
  • Integración, participación e igualdade: esta facultade establece como un dos principios claves da súa política que todas as necesidades dos seus grupos de interese sexan atendidas e que todos participen no desenvolvemento da Facultade a través das vías establecidas para iso garantindo a accesibilidade, a participación e a igualdade.
  • Orientación ao alumnado: este centro garante no seu programa formativo a orientación ao alumno entendendo que é o principal receptor deste.
  • Excelencia: o traballo desta Facultade realízase tendo como meta alcanzar a excelencia que marcan os principais modelos de calidade universitaria e as principais escolas e facultades recoñecidas.
  • Transparencia: Esta Facultade basea a xestión do seu programa formativo na transparencia nos seus resultados e na difusión destes aos seus grupos de interese.

A dirección desta Facultade adquire o compromiso permanente coa mellora continua dos seus programas formativos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.04.2023.