Máis de 350 especialistas de 35 países profundan nos últimos achados da química orgánica sintética na ECSOC28
Especialistas de 35 países debaten dende este venres 15 e ata o vindeiro 30 de novembro os últimos achados no ámbito da química orgánica sintética no marco da vixésimo oitava edición da Conferencia Electrónica Internacional ECSOC28 (International Electronic Conference on Synthetic Organic Chemistry). Este é un foro de intercambio de coñecemento coordinado por Julio A. Seijas Vázquez e Pilar Vázquez Tato, pertencentes ao grupo Novas Metodoloxías Sintéticas (SWT) do Campus Terra da USC, que se desenvolve en liña. O foro xa superou a barreira das 350 persoas inscritas e recibiu máis de 200 traballos que serán obxecto de análise na Conferencia.
As sesións proporcionan á comunidade científica unha plataforma aberta, a xeito de conferencia académica sen barreiras xeográficas, para o debate e a discusión no campo da química orgánica. As singularidades propias do formato en liña da ECSOC, cuxo escenario de debate está aloxado nunha plataforma web, favorece e fomenta a participación dunha audiencia diversa e global, sinala Seijas Vázquez, ao tempo que precisa que todas as contribucións científicas recibidas son supervisadas previamente por un comité de especialistas.
A edición deste ano estrutúrase nos seguintes eidos temáticos: síntese orgánica xeral, química de produtos bioorgánicos, medicinais e naturais; síntese asistida por microondas; polímeros e química supramolecular; e química computacional. Os traballos admitidos preséntase logo a debate como carteis electrónicos, presentacións de diapositivas ou vídeos, achegas respecto das que as persoas interesadas poden interactuar cos responsables da súa autoría a través dunha plataforma de discusión en liña. O novo enfoque sustentable de conferencias académicas que representa a ECSOC permite o acceso libre a todo o material (presentacións, resumos...) e favorece o intercambio científico sen deixar pegada de carbono, salienta o catedrático da USC Julio A. Vázquez Seijas, que se refire á ECSOC como “unha plataforma inclusiva”.
Premios
A Conferencia contempla dous galardóns dirixidos a recoñecer o mellor traballo e a mellor presentación de entre un total de seis finalistas. Ademais, a publicación Chemistry Proceedings acollerá a publicación das achegas xurdidas ao abeiro deste foro.