Ir o contido principal
STG

O Campus Terra da USC fomenta a inserción laboral de preto de 200 demandantes de emprego a través do Emprega-T Fest

O evento reúne preto de 200 demandantes de emprego
O evento reúne preto de 200 demandantes de emprego
Arredor de medio cento de espazos expositores integran esta iniciativa que pretende conectar as persoas que buscan traballo, ou que queren mellorar a súa situación profesional, coa oferta do tecido empresarial galego
Lugo

“Temos que seguir esforzándonos para que as empresas se acheguen ao máximo ao campus universitario”. Así describía o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco Fraga, unha das metas sobre as que se asenta o festival de emprego do Campus Terra Emprega-T Fest. Esta iniciativa que se desenvolve ao longo deste xoves 19 na Praza Horta do Seminario de Lugo pretende conectar os preto de 200 demandantes de emprego inscritos co tecido empresarial galego. O festival reúne, tal e como subliña a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, “un total de corenta espazos expositores”, proba do éxito desta iniciativa “que se dirixe ao conxunto da cidadanía, con independencia de que se posúa título universitario ou non, aquí temos ofertas de todo tipo e para todos os perfís”.

Ademais do vicerreitor, tamén participaron no acto inaugural Paula Alvarellos Fondo, alcaldesa do Concello de Lugo; Francisco Dorado Vizcaíno, conselleiro delegado da Asociación de Empresarios do Ceao e As Gándaras; Pablo Fernández López, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia; e Pablo Rivera Capón, deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo. A necesidade de reter o talento da mocidade lucense e de impulsar a remuda profesional foron argumentos nos que coincidiron as autoridades participantes no acto que serviu de punto de partida para a feira.

O Emprega-T Fest “potencia as oportunidades laborais das persoas demandantes de emprego ou con ganas de mellorar a súa situación profesional”, explican dende o Campus Terra da USC. O evento conta con espazos expositivos onde as empresas presentan a súa oferta de Recursos Humanos e explican como desenvolver a carreira profesional dentro delas; unha zona de entrevistas rápidas ou Speed Dating,  na que se realizan entrevistas dunha duración de 15 minutos entre empresas e persoas candidatas; así como mesas redondas, charlas de empresas e talleres formativos vinculados ao mercado laboral. Tamén se conta cun espazo de ocio onde as persoas asistentes poden desfrutar de food trucks e música.

A partir das 19.00 horas, o festival dá paso a unha serie de actividades de carácter máis lúdico como un obradoiro de danza tradicional con Adrián Méndez; unha foliada cos grupos Axeigo e Cantareiras de Cantigas e Frores; así como un concerto do grupo Capital Voskov que serve de colofón á xornada.

O evento, organizado polo Campus Terra e a Área de Orientación Laboral da USC, en colaboración co Concello de Lugo e coa Asociación de Empresarios do polígono do Ceao - As Gándaras, conta con financiamento da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, así como pola Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.09.2024.