Fogate, onde a néboa transfórmase en auga
Máis de 2.000 millóns de persoas en todo o planeta seguen sen ter acceso a auga potable. Así o di o Informe Mundial sobre o Desenvolvemento dos Recursos Hídricos da Unesco. Toda axuda para contribuír a frear este problema, xa que logo, é máis que benvida. Como a que propuxo un equipo multidisciplinar formado por seis mozas e mozos ao desenvolver o proxecto Fogate, unha tecnoloxía que captura as pingas de auga presentes na néboa.
O seu proxecto recibiu un dos dous segundos premios na cuarta edición do Terra Creative Jam, o programa de emprendemento impulsado polo Campus Terra a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) en colaboración coa incubadora Lug Open Factory.
O proxecto Fogate é unha iniciativa tecnolóxica que ten os seus piares na sustentabilidade e no coidado dos recursos hídricos. En esencia, Fogate transforma a néboa nunha fonte de auga e enerxía a partir de condicións climáticas específicas, como as que se rexistran en zonas costeiras ou de alta montaña.
Os creadores desta tecnoloxía fabricaron unhas mallas especialmente deseñadas para capturar as pingas de auga presentes na néboa. O prototipo deseñado e fabricado polos impulsores de Fogate é capaz de recoller a auga da néboa, filtrala e, a partir dese recurso, producir enerxía coa que levar auga a zonas desabastecidas.
O proxecto premiado polo Terra Creative Jam ten o potencial de axudar a comunidades agrícolas e rurais que, a pesar de contar con presenza de néboa de forma recorrente, enfróntanse á escaseza de recursos hídricos nalgúns momentos do ano.
Un futuro autosuficiente e ecolóxico
Explícano de forma detallada os impulsores de Fogate: «Moitas destas zonas, como as rexións costeirs e montañosas, teñen néboa en abundancia, pero fáltanlles recursos hídricos estables para o desenvolvemento agrícola. Ao darnos conta de que a néboa podía ser unha fonte de auga sen explotar, decidimos desenvolver un sistema eficiente para colleitala e utilizala, ofrecendo unha solución sostible que podería mellorar a vida nestas comunidades e contribuír a un futuro máis autosuficiente e ecolóxico».
Detrás deste proxecto atópase un equipo multidisciplinar de seis mozas e mozos que puxeron as súas capacidades e coñecementos ao servizo dunha iniciativa cun potencial de impacto económico e social máis que evidente.
Iheb Fendri, licenciado en Deseño de Interiores e en Asesoría de Imaxe Persoal e Corporativa; Michael Gerges, licenciado en Ciencias da Computación e especializado en Enxeñería de Software; Nerea Otero, grao en Educación Infantil; Pablo Ramírez, estudante do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos; Eladio Pomares, a piques de finalizar o grao en Maxisterio; e Karla Soto Wipplinger, actualmente realizando un intercambio na carreira de Enxeñería Agrónoma, son os seis impulsores do proxecto Fogate.
Sobre o futuro, os seis confían en levar a súa tecnoloxía ao máximo número de comunidades e territorios necesitados de recursos hídricos. «Planeamos optimizar a tecnoloxía de captación e filtración de néboa, facéndoa aínda máis eficiente e accesible economicamente. Tamén estamos a explorar a posibilidade de integrarnos en redes de colaboración con Ong e gobernos locais para que Fogate poida implementarse en máis zonas rurais e comunidades agrícolas».
Neste proceso de mellora e innovación, tamén se propoñen optimizar os procesos de xeración de enerxía.
O seu obxectivo? Converter Fogate nunha solución estándar para todos aqueles lugares que necesitan dunha achega constante de auga.