Ir o contido principal
STG

O II Terra Creative Jam reunirá uns 50 participantes os días 22 e 23 de outubro na residencia Jesús Bal y Gay

Cartaz do II Terra Creative Jam
Cartaz do II Terra Creative Jam
O evento de xeración de ideas creativas para reinventar o medio rural promovido por Campus Terra e Lug Open Factory mantén aberta a inscrición en liña ata este venres
Lugo, Santiago de Compostela

O Campus Terra da USC e a incubadora Lug Open Factory organizan os días 22 e 23 de outubro na residencia universitaria Jesús Bal y Gay da sede universitaria luguesa a segunda edición de Terra Creative Jam, un evento creativo e de xeración de ideas innovadoras orientada a reinventar o medio rural, para o que xa formalizaron preto de 50 persoas. A inscrición permanece aberta en liña.

O II Terra Creative Jam, promovido polo Campus Terra a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE),  en colaboración coa a incubadora Lug Open Factory  no marco de colaboración do proxecto AYCH  Interreg Atlantic Area, permitirá a estudantes e titulados da sede universitaria luguesa participar en diversos talleres nos que deberán resolver desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos, ao tempo que achegarán solucións para “reinventar o rural”.
 
O programa do Terra Creative Jam permitirá abordar varias temáticas, tales como a economía verde, produción eficiente e sostible; educación inclusiva e de igualdade; emprendemento dixital e uso das TIC´S no rural;  industrias creativas e sector audiovisual; alimentación e vida saudable e a busca do benestar animal e mellora dos ecosistemas. As ideas, produtos e servizos que se desenvolvan deberán estar ligados ás temáticas propostas.
 
Os participantes, xa de xeito individual xa en equipo, poderán gozar dunha primeira xornada de ideación, con xogos de creación de ideas e proxectos sostibles, formación con workshops específicos, prototipos con maquinas 3D, gamificación, drons, realidade virtual e podcast e actividades deportivas con caiac no río e escalada no rocódromo. A segunda xornada consistirá nun Hackaton onde por equipos traballarán no seu prototipo para crear a súa solución e expoñela o xurado.
 
O tres mellores prototipos de proxecto terán unha praza para todo equipo na Residencia formativa LOF TALENT e no Programa de emprendemento EXPLORER USC. Ademais cada un dos membros do equipo gañador, recibirá varios premios como cámaras tipo GoPro, impresoras 3D-mini e tablets, entre outros.

A asistencia a esta actividade é totalmente gratuíta. O prazo de inscrición permanece aberto en liña ata as 23.59 horas do 21 de outubro. As prazas son limitadas e a organización facilitará aos asistentes aloxamento e mantenza durante os dous días que dura a Terra Creative Jam.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2022.